Un ciclo de conferencias e teatro para reivindicar o pontevedrés José Ruibal no seu centenario

Pontevedra
07 de novembro 2025

O Museo de Pontevedra impulsa un seminario para destacar o legado literario e combativo do dramaturgo de Xeve, acompañado dunha exposición ata xaneiro

O dramaturgo José Ruibal
O dramaturgo José Ruibal / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra será escenario, o martes 11 e o xoves 13 de novembro, dun completo programa para celebrar o centenario do escritor José Ruibal, unha das figuras máis singulares e criticamente comprometidas do teatro galego e español.

A Deputación de Pontevedra, que xa inaugurou na primavera a exposición "José Ruibal. Un escritor de centenario" no Edificio Sarmiento, suma agora un seminario no Edificio Castelao onde especialistas e familiares analizarán a relevancia dun autor que naceu en Xeve en 1925 e que desafiu a censura franquista deixando pegada a ambos lados do Atlántico ata a súa morte en 1999.

O martes 11 comezarán as conferencias cunha intervención de Anne-Laure Feuillastre, profesora da Universidade da Sorbona, que afondará no impacto da represión franquista sobre a carreira teatral de Ruibal.

O dramaturgo Andrés Lima revisará a pegada deixada polo autor na escena contemporánea, mentres que Marithelma Costa (Universidade de Nova York) e o comisario Xosé Enrique Acuña completarán o panel de voces expertas.

O programa continúa o xoves 13 coa celebración do "Espectáculo Ruibal", unha tarde de poesía e teatro coa participación de Graciela Baquero Ruibal e Miguel Ángel Cuña Casasbellas.

A sesión culminará coa posta en escena de "O rabo", peza escrita en 1969, que será representada polo grupo pontevedrés Avelaíña Teatro.

A exposición, que permanecerá aberta ata o 18 de xaneiro no Edificio Sarmiento, recompila documentos, fotografías, carteis e testemuños gráficos da traxectoria vital e creativa dun autor fundamental, que desenvolveu a súa obra en galego e castelán explorando temas incómodos para a ditadura franquista e comprometéndose coa democracia alí onde residiu, tanto en Galicia, como en Arxentina, Madrid e Estados Unidos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora