José Ruibal, escritor que acadou relevancia internacional como un dos grandes renovadores do teatro contemporáneo no último terzo do século XX, recibirá a partir deste venres unha merecida homenaxe no Museo de Pontevedra.
Para conmemorar os 100 anos do seu nacemento na parroquia pontevedresa de Xeve, a Deputación de Pontevedra organiza a exposición ‘José Ruibal. Un escritor de centenario’.
A mostra abrirá este venres 24 de outubro no claustro do Edificio Sarmiento e poderá visitarse ata o 18 de xaneiro.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a directora do Museo, Ángeles Tilve; e o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, presentaron a iniciativa este xoves.
Durante a presentación, Domínguez sinalou que se trata dunha exposición "de xustiza", pois "parece incrible que unha persoa co seu recoñecemento internacional non sexa tan coñecida en Pontevedra".
"É obrigado que todos os pontevedreses coñezamos ben a figura de Ruibal", sinalou Domínguez.
A exposición é un percorrido pola vida dun autor que foi considerado maldito dentro da literatura española, que sufriu o franquismo e a censura e foi recoñecido principalmente nos Estados Unidos .
Xosé Enrique Acuña reúne numerosos documentos orixinais que axudan a reconstruír tanto a súa traxectoria vital coma o conxunto da obra literaria que realizou en castelán e en galego.
A mostra articúlase por medio dun percorrido visual composto con numerosas fotografías de diversos aspectos da súa vida ás que se suman carteis das súas obras teatrais, documentación familiar e imaxes das estreas que protagonizou por diferentes países.
Tamén se presenta unha selección da súa correspondencia con outras grandes figuras da literatura e da crítica, coma Buero Vallejo, Rafael Lapesa, Lázaro Carreter, Gabriel Celaya e Alonso Zamora Vicente, e documentos inéditos da súa relación de amizade con grandes actrices coma Nuria Espert e María Casares.
Ángeles Tilve salientou que a esta conmemoración da figura de José Ruibal no centenario do seu nacemento seguirá en 2026 a lembranza á súa irmá, a pintora Mercedes Ruibal, tamén no seu centenario, cunha exposición conxunta con obra dela e do seu marido, o tamén pintor Agustín Pérez Bellas.
A exposición compleméntase coa celebración, os días 11 e 13 de novembro, dun seminario sobre o escritor no mesmo Museo de Pontevedra.