A Biblioteca Pública de Marín será escenario dunhas xornadas dedicadas á figura de Chano Piñeiro, pioneiro do cine galego.
O Cineclub Marín organiza este ciclo, gratuíto, que terá lugar os días 21 e 22 de maio.
Trátase ademais do primeiro evento organizado polo cineclub impulsado pola Asociación Marín de Cine.
As xornadas pretenden resaltar a importancia dun cinestasta que foi autor de obras fundamentais para a historia do audiovisual en galego.
Un dos atractivos do ciclo será a presenza de Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa. A actriz participará na sesión do venres 22 de maio compartindo cos público recordos da rodaxe e unha
reflexión ao redor do legado artístico e humano de Chano Piñeiro.
A xornada contará tamén coa participación de Severiano Casalderrey, crítico cinematográfico e membro da Academia Galega do Audiovisual, para contextualizar historicamente a relevancia da obra de Piñeiro dentro da evolución do cine galego contemporáneo.
O ciclo abrirase o xoves 21 de maio ás 20.00 horas coa proxección de 'Mamasución' (1984), curtametraxe emblemático do audiovisual galego. Despois, ás 20.30 horas, celebrarase unha charla-coloquio centrada na análise histórica, narrativa e social do filme, conducido por integrantes de Marín de Cine entre os que se atopa o docente e comunicador Dani Antelo.
Pola súa banda o venres 22 de maio ás 20.00 horas proxectarase 'Sempre Xonxa' (1989), considerada unha película fundamental para o cine feito en Galicia. Á súa finalización, ás 21.30 horas, arrincará a charla-coloquio con Uxía Blanco e Severiano Casalderrey.