O Cineclube Pontevedra presenta unha atractiva programación para o mes de maio con estreas recentes do panorama cinematográfico europeo, incluíndo dúas obras premiadas no Festival de Cannes, ademais do ciclo dedicado ao cineasta brasileiro Leon Hirszman.
Entre as propostas máis destacadas atópase "Misericordia", o último traballo do director francés Alain Guiraudie, que se proxectará o martes 6 de maio ás 20:30 horas no Teatro Principal.
Esta película, presentada na sección Première de Cannes 2024 e gañadora dos premios a Mellor Filme e Mellor Guión na Seminci, conta a historia de Jérémie, quen regresa á súa vila natal para asistir a un funeral e vive unha serie de misteriosos acontecementos.
Outra das estreas destacadas será "A historia de Souleymane" (2024), do director Boris Lojkine, que pechará a programación do mes o martes 27 de maio. O filme, que recibiu o Premio do Xurado na sección Un Certain Regard de Cannes e o galardón ao Mellor Actor tanto en Cannes como no Festival de Xixón, narra a historia dun mozo guineano que traballa como repartidor en París mentres afronta unha crucial entrevista para solicitar asilo.
A programación inclúe tamén a proxección de "Rien à foutre" (2021), ópera prima dos belgas Julie Lecoustre e Emmanuel Marre, protagonizada por Adèle Exarchopoulos, que poderá verse o martes 13 de maio. Esta película, gañadora do premio a Mellor Filme na sección Retueyos do Festival de Xixón 2021, retrata a vida dunha azafata de voo nunha compañía low-cost que vive ao día entre voos e festas.
Os luns estarán dedicados a completar o ciclo sobre Leon Hirszman iniciado en abril. O día 12 proxectarase unha sesión especial de curtametraxes que inclúe os seus primeiros traballos, "Pedreira de São Diogo" (1962) e "Maioria absoluta" (1964), xunto con dúas pezas centradas na samba: "Nelson Cavaquinho" (1969) e "Partido alto" (1982).
O ciclo sobre o director concluirá o luns 26 de maio coa proxección de "S. Bernardo" (1972), unha adaptación da novela homónima de Graciliano Ramos considerada unha das mellores películas latinoamericanas de todos os tempos, que narra a historia dun home alienado con ansias arribistas que adquire unha facenda e casa cunha muller humanista.
O Cineclube Pontevedra sinala que queda pendente a recolocación do filme "ABC da greve", que non se puido proxectar este último luns de abril debido ao apagamento eléctrico que afectou á cidade.
Todas as proxeccións terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra ás 20:30 horas.