Cinema musical e improvisacións inmersivas durante a fin de semana nas pistas de Campolongo

Pontevedra
03 de xuño 2021

'Audiovisións', novidade da programación de verán, vai desenvolverse ás 22.30 horas das noites de venres, sábado e domingo de maneira gratuíta e o espazo estará limitado en canto a capacidade de asistencia debido as restricións sanitarias

Espectáculo de COLAPSO colectivo
Espectáculo de COLAPSO colectivo / COLAPSO colectivo

As pistas de Campolongo serán protagonistas das noites do primeiro venres, sábado e domingo deste mes de xuño. A partir das 22.30 horas acollerán as sesións do programa 'Audiovisións', un espectáculo que vincula cinema e música, unha novidade na programación de verán en Pontevedra.

As tres propostas achéganse a estilos diferentes. O venres 4 emitirase 'Hedwing and the Angry Inch' (USA, 2001) dirixida por John Cameron Mitchell, un clásico do cinema musical deste século ao reescribir o musical de influencias rockeiras.

O sábado poderase ver un documental contemporáneo que reivindica a importancia das mulleres nos inicios e evolución da música electrónica. A película 'Sisters with Transistors' está dirixida por Lisa Rovner e ofrece a perspectiva de mulleres visionarias neste campo musical como é o caso de Clara  Rockmore, Bebe  Barron ou  Pauline Oliveros, entre outras.

Xa o domingo chegará a quenda dunha sesión de improvisación visual e sonora a cargo de Colapso Jam + m8. A través de dispositivos electrónicos ofrecen unha colección de rexistros sonoros que ofrecen unha variante  audible que permite achegar ao espectador a unha experiencia sensorial inmersiva. Esta proposta parte da escena creativa pontevedresa e galega.

Todas as sesións son gratuítas, dentro da programación de 'O son da rúa', e desenvolveranse atendendo á situación sanitaria e aos protocolos de seguridade vixente con límite de capacidade, atendendo ás normas sanitarias.