Cinema no Camiño fai escala en Caldas coa proxección da película Longa Noite

Umia
06 de novembro 2020

A proxección terá lugar nos cinemas Avenida ás 18.30 e 20.30 horas con entrada gratuíta ata completar un aforo limitado polas medidas de prevención de contaxios por covid-19

Eloy Enciso
Eloy Enciso

Os cinemas Avenida de Caldas acollerán este sábado a proxección da película Longa Noite, do director lucense Eloy Enciso. A proposta cinematográfica chega á vila termal no marco do programa Cinema non Camiño, posto en marcha polo departamento de dinamización lingüística FalaRedes da Xunta.

A película será proxectada en dúas sesións gratuítas, ata completar aforo, ás 18.30 e ás 20.30 horas. O cumprimento de todas as medidas de seguridade e prevención fronte á covid-19 será estrito, aseguran desde a organización.

A obra está inspirada na novela Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Enciso transforma este libro en imaxes nunha película na que o seu protagonista, Anxo, regresa ao seu pobo natal de Galicia durante a posguerra cruzándose con gañadores e vencidos dun país dividido.

O obxectivo de FalaRedes é fomentar as actividades en galego para o tempo de lecer coa finalidade de ampliar a oferta lúdica neste idioma, reforzar a oferta de actividades en galego nos municipios adheridos á Rede de Dinamización Lingüística, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar aos artistas que desenvolvan a súa obra neste idioma.