O circo e a danza do programa +Escénicas chegan este venres a Cuntis e a Cerdedo‑Cotobade

Cerdedo Cotobade
12 de agosto 2025

"4.0", de Sue Moreno, preséntase ás 17:30 na Praza de Ferrol de Cuntis; ás 19:00, "Un baile ceibe", de Fran Sieira Compañía de Danza, en Carballedo

Un baile ceibe, de Fran Sieira
Un baile ceibe, de Fran Sieira / Compañía Fran Sieira

A Deputación de Pontevedra leva o venres 15 de agosto, día festivo, dúas propostas escénicas á provincia dentro da segunda edición do circuíto +Escénicas.

En Cuntis, a Praza de Ferrol acollerá ás 17:30 horas "4.0", da creadora Sue Moreno.

A proposta mestura técnicas aéreas circenses, cancións e teatro físico sobre unha estrutura de seis metros de altura, e aborda, cun ton humorístico, terno e ás veces absurdo, as dificultades da conciliación no día a día dunha muller, entre traballo, vida e maternidade.

A actividade cultural tamén chega a Cerdedo‑Cotobade, onde a Praza da Chan de Carballedo recibirá ás 19:00 horas "Un baile ceibe", de Fran Sieira Compañía de Danza.

A peza contemporánea indaga na presenza do xénero en diversos ámbitos e reflexiona sobre os estereotipos sociais, ao tempo que recupera e dialoga co baile tradicional para construír novas maneiras de entender o corpo e o movemento.

+Escénicas, lembra a Deputación, responde á demanda do sector profesional e contén, nesta segunda edición, unha programación reforzada cun orzamento de 195.000 euros con 136 funcións ata marzo de 2026.