Un total de 16 festivais de música e de artes escénicas en pequeno formato recibirán axudas na liña de crédito posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, cun orzamento de 170.000 euros fronte aos 165.000 euros da convocatoria anterior.
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este mércores estes eventos que reciben axudas a través desta liña e anunciou a creación dun espazo no sitio web institucional onde se lles dará maior visibilidade.
Cubela destacou que, con esta liña de colaboración, no goberno provincial "reforzamos o noso compromiso coas actividades culturais máis senlleiras e consolidadas no noso territorio".
Son 13 festivais musicais e outros 3 de artes escénicas que "son un piar fundamental" na dinamización das vilas, barrios, parroquias e aldeas da provincia, segundo asegurou o deputado provincial.
As actividades que recibirán financiamento, algunhas delas por primeira vez, son as seguintes: no Salnés, o Festival O Xacobeo Percute e o Festival Desfoga (ambos os dous en Cambados).
En Deza e Tabeirós-Terra de Montes, As Nosas Músicas (A Estrada), o Galaico Brass Festival e o FIP Merza Percusión (estes dous en Vila de Cruces).
No caso do Morrazo, reciben axudas a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Kanekas Metal Fest (tamén en Cangas do Morrazo).
Na cidade de Vigo reciben financiamento The Wild Fest, o Encordass Fiddle Fest Grecia, o Festival Vertixe 13 e o Revoltallo de Música e Cultura Emerxente.
E, no sur, O Rosal Cámara Fest, o Festival Rock in Río Tea (Ponteareas), o Festival Internacional de Títeres de Redondela, o Festival Alternativo Millo Verde (Redondela) e o Sementeira e Música (Salvaterra de Miño).
Cubela valorou especialmente que estes 16 festivais "son o froito dun traballo intenso dos colectivos culturais e das asociacións" e engadiu que "cando chegamos a esa institución quixemos recuperar a colaboración con estas entidades", e estas axudas "son outro xeito de demostrarlles que o noso compromiso é unha realidade e de agradecer a súa implicación".