Os Premios Johan Carballeira que, na modalidade de poesía e xornalismo, entrega cada ano o Concello de Bueu xa teñen gañadores.
O xurado, que se reuniu este sábado, acordou conceder o premio na categoría de poesía a Eugenio Outeiro Lojo coa obra Réquiem; e a Cláudia Morán e Manolo Broa coa reportaxe Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume, publicada en Nós Diario.
Os premios, dotados con 1.500 euros tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, entregaranse nun acto público que se celebrará arredor das Letras Galegas
Tras a lectura dos 44 poemarios presentados, o galardón concedeuse á obra de Outeiro Lojo, da que o xurado destacou que "está ben artellada e é moi acaída para o significado do premio".
Afirmaron que ten unha estrutura e arquitectura poética "traballada", que o autor é "delicado" no tratamento e "nada panfletario" ou que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trovadoresca e que conecta coa oralidade.
Así mesmo, trátase dunha poética "máis clásica e diferente" da cultivada na actualidade e que formula un plantexamento de verdadeiro acto de memoria histórica.
Pola súa banda, o xurado na categoría de xornalismo, que valorou os dezaseis traballos presentados ao certame, subliñou a análise das aldeas sen case veciñanza, "cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume" que realizaron os seus autores.
A reportaxe establece a correlación entre o despoboamento e os incendios, e o contraste entre o urbano e o rural, así como as distintas vagas de lumes. Atópase, ademais, a análise entre a responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio.
A perspectiva trasloce un proxecto máis global, no que se achegan datos e contexto a un problema "non sinxelo" como é o despoboamento do rural e os incendios.
O xurado destacou que esta peza chama á reflexión dun xornalismo que reivindica o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico.
Nesta categoría, o xurado desta categoría fixo ademais unha mención especial do traballo presentado por Miriam Ferradáns Ferradás titulado Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria, publicado tamén en Nós Diario.