"Cobiza" de María Reimóndez, Premio Pinto e Maragota, xa está nas librarías

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

Unha profunda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro do planeta. Así é Cobiza, a novela de ciencia ficción escrita por María Reimóndez. Este proxecto literario foi o gañador do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero

María Reimóndez (no medio), gañadora do premio literario Pinto e Maragota
María Reimóndez (no medio), gañadora do premio literario Pinto e Maragota / Mónica Patxot

Unha profunda ollada feminista e ecoloxista na reflexión sobre o futuro do planeta. Así é Cobiza, a novela de ciencia ficción escrita por María Reimóndez. Este proxecto literario foi o gañador do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero.

O libro, do que xurado valorou a súa reflexión sobre a construción do sexo, do xénero e das orientacións sexuais, xa está dispoñible nas librarías galegas. Foi editado por Xerais.

En Cobiza, a súa protagonista, Luz, habita o presente nun mundo que se divide entre os Recunchos e as Capitais, estas últimas só accesibles mediante a chamada 'lotería da fertilidade'. Gañala implica un acceso descoñecido á opulencia.

Nun futuro marcado polo cataclismo denominado a Gran Desconexión, tres seres creados de materia vexetal, pero con forma humana, son capturados por un barco negreiro para chegar a un continente descoñecido. Aquí descubrirán como os seus corpos son clasificados como mulleres e modificados, vendidos para manter as estruturas de poder dominantes. 

O Premio Pinto e Maragota é o primeiro concurso literario galego que se centra no ámbito LGTBI. A gañadora, ademais de ter a oportunidade de publicar a súa novela con Xerais, recibiu tamén un premio económico de 3.000 euros.

Tras o éxito de participación acadado na primeira convocatoria do certame, o Concello de Pontevedra ten a intención de convocar unha nova edición do premio literario neste ano 2021, de novo en colaboración con Edicións Xerais.