Combarro desafía á calor cun multitudinario Armadiña Rock

Poio
05 de xullo 2026

O festival demostrou que é unha proposta cultural e festiva máis que consolidada, recoñecida ademas pola súa identidade galega, o seu espírito artesanal e a súa firme aposta polas bandas emerxentes

Festival Armadiña Rock 2026 en Combarro

O deste sábado foi un día grande en Combarro. Miles de persoas acudiron a esta emblematica vila mariñeira para gozar dunha nova edición do festival Armadiña Rock.

Desafiando á tremenda calor que acompañou a toda a xornada, a música e o bo ambiente convertéronse en aliados perfectos para combater as altas temperaturas.

Xa na sesión do venres bandas como Lisdexia, Rager e Ruxe Ruxe e a Orquestra Bravú Xangai, referentes indiscutibles da música galega contemporánea, subíronse ao escenario da Praza da Chousa.

Pero, sen dúbida, a xornada central do festival foi a que converteu Combarro en todo un fervedoiro… e por partida dobre. Literal e figuradamente.

Tras as actividades infantís, que incluíron un obradoiro de ecopercusión ou a sesión vermú na Praza da Rualeira a cargo de Noite Pechada, o 'tardeo' quedou en mans de Malkeda e El 4º Sentido, que tiveron que sobreporse á abrasante calor.

Festival Armadiña Rock 2026 en CombarroCristina Saiz

Durante a tarde houbo tamén espazo para os máis pequenos cun espectáculo de Migallas Teatro e co concerto de Terapia Kids.

Foi ata que, a partir das oito e media da tarde, toda a actividade do festival trasladásese ao escenario principal da Praza da Chousa.

Alí, nun espazo que foi enchendo lentamente co paso das horas, actuaron Bule, Abaixo Cu Sistema ou La Duendeneta, animando a un público cada vez máis numeroso.

Festival Armadiña Rock 2026 en CombarroCristina Saiz

Monoulious Dop, Balkan Bomba e Collón de Lola foron, pola súa banda, os encargados de que a festa continuase até altas horas da madrugada.

O Armadiña Rock despídese este domingo cunha sesión vermú do grupo Skadelos.

O festival demostrou, un ano máis, que se trata dunha proposta cultural e festiva máis que consolidada, recoñecida ademas pola súa identidade galega, o seu espírito artesanal e o seu firme aposta polas bandas emerxentes do país.