O festival Armadiña Rock celebra a súa nova edición os días 3, 4 e 5 de xullo en Combarro, na praza da Chousa reunindo talento local e internacional.
No apartado musical, o Armadiña Rock reunirá a grupos como Rager, Ruxe Ruxe, Lisdexia e a Orquestra Bravú Xangai na xornada do venres; Noite Fechada, Terapia de Grupo, Abaixo Cu Sistema, Balkan Bomba, Monoulious Dop, Blue, Collón de Lola e Malkeda actuarán o sábado, mentres que Skadelos pechará o cartel o domingo.
Ante esta importante cita que reunirá a miles de persoas, o Concello de Poio reforzará as medidas de prevención fronte ás violencias machistas.
Así, o venres habilitará dous puntos lila destinados a ofrecer información, asesoramento e atención ás persoas asistentes, co obxectivo de favorecer un ambiente festivo seguro e libre de agresións sexistas.
O primeiro destes espazos estará situado na Seca, xunto á zona de acampada, e funcionará entre as 19.00 e as 22.00 horas.
Posteriormente, o servizo trasladarase á Praza da Chousa, onde permanecerá operativo desde as 22.00 até as 2.00 da madrugada.
Ademais de realizar labores de sensibilización e resolver dúbidas sobre a prevención da violencia de xénero, os puntos lila prestarán apoio e información no caso de que se produza algunha agresión sexual, coordinando a atención cos servizos de emerxencia e as forzas de seguridade.
Desde o Concello anímase tanto a mulleres como a homes a achegarse a estes espazos informativos, insistindo en que a implicación colectiva resulta fundamental para garantir unhas festas respectuosas.
Como novidade desta edición, o festival estreará un novo aseo portátil adquirido polo Concello para a súa utilización en eventos multitudinarios.
A administración local destaca que esta infraestrutura mellorará a comodidade dos usuarios, intégrase mellor na contorna e permitirá reducir o gasto municipal ao evitar o aluguer deste tipo de instalacións en futuras celebracións.

A organización do dispositivo de seguridade tamén quedou ultimada tras a reunión de coordinación celebrada este mércores entre representantes da Policía Local de Poio, Protección Civil, a Garda Civil e a organización do festival.
Durante o encontro revisáronse os diferentes operativos previstos para garantir o normal desenvolvemento dos concertos e a seguridade do público durante todo o fin de semana.
O festival manterá ademais algunhas das súas actividades tradicionais, como o concurso de decoración mariñeira e a zona de acampada gratuíta.
A programación inclúe tamén propostas dirixidas ao público infantil no Espazo Armadiña Crianzas, con talleres, teatro e concertos, así como actuacións itinerantes da batucada Os Queimatasas e das Pandereteiras de Ronsel e Armadiña, que animarán as rúas de Combarro durante o evento.