Verán con ximnasia ao aire libre, obradoiros infantís e sardiñada en Poio

Poio
29 de xuño 2026

As actividades para adultos comezan en xullo na Casa Rosada e na Seca, mentres que as propostas para a infancia percorrerán as praias e prazas do municipio

Sardiñada en Poio
Sardiñada en Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio organiza unha programación de actividades estivais ao aire libre dirixida a público adulto e infantil que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto nas distintas parroquias do termo municipal.

A planificación inclúe sesións de exercicio físico para maiores e obradoiros lúdicos orientados á reciclaxe en espazos públicos.

O bloque de actividades físicas para persoas adultas, integrado no programa municipal denominado "Cóidate Sempre", constará de dúas sesións semanais de libre acceso.

Os encontros fixados para os mércores terán lugar nos xardíns da Casa Rosada, mentres que os venres a actividade trasladarase á zona da Reiboa, na Seca.

Ambas as dúas citas desenvolveranse en horario matinal, de 10:00 a 11:00 horas, e basearanse en rutinas de exercicio e estiramentos adaptados para os que non se require inscrición previa, senón unicamente acudir con roupa cómoda e auga.

Para a poboación infantil, o Concello deseñou unha serie de obradoiros centrados na elaboración de creacións con materiais reciclados.

Estas propostas itinerantes terán lugar nas praias e prazas de maior afluencia.

O calendario iníciase na última semana de xullo en Lourido, coincindicendo cos Xogos de Lourido.

En agosto, as actividades continuarán os días 6 e 7 en Vilariño ás 11:30 horas, e trasladaranse en horario de tarde, ás 17:00 horas, á praza da Chousa os días 11 e 12, á praia de Cabeceira os días 18 e 19, á praia do Laño o 20 e 21, e á praia de Raxó os días 26 e 27 dese mesmo mes.

Doutra banda, o vindeiro venres 3 de xullo, a partir das 18:00 horas, os xardíns do centro social da Casa Rosada acollerán a sardiñada dirixida ás persoas maiores e ao alumnado desta instalación.

A asistencia ao acto será gratuíta e as racións de sardiñas asadas, que se acompañarán de pan de millo e viño, complementaranse con actuacións musicais en directo.