Combarro rockea sen descanso na segunda noite de concertos do festival Armadiña

Poio
26 de agosto 2018

Os concertos de A Banda da Loba, O Sonoro Maxín, Amparanoia, Banda Xangai, Terbutalina e Zënzar conseguiron que miles de persoas volveran facer vibrar Combarro esta sábado. A organización calcula que 7.500 persoas chimparon sobre a praza da Chousa 

Segunda noite de programación musical do festival Armadiña Rock Estrella Galicia 2018
Segunda noite de programación musical do festival Armadiña Rock Estrella Galicia 2018 / Diego Torrado

Os concertos de A Banda da Loba, O Sonoro Maxín, Amparanoia, Banda Xangai, Terbutalina e Zënzar conseguiron que miles de persoas volveran facer vibrar a praza da Chousa de Combarro esta sábado coa segunda noite de programación musical do festival Armadiña Rock Estrella Galicia. 

Combarro xa estivera muy vivo e rockeiro durante o día, cos concertos de DudeCan e Almánimal, sesións de pasarrúas, obradoiros para nenos, a presentación do proxecto 'Músicas Galegas Ilustradas' e un coloquio sobre o rock galego no que participaron Laura Romero (Zënzar), Miguel Cernadas (Terbutalina), Ico (O Sonoro Maxín), Xosé Antón Bocixa (Zënzar) e Xurxo Souto (Banda Xangai), pero foi pola noite cando desbordou.

A organización calcula que 7.500 persoas chimparon sobre a praza da Chousa durante a noite desta segunda xornada grande do festival, que continuará este domingo con actividades durante o día polas prazas do casco histórico de Combarro.

A formación Amparanoia era unha das máis agardadas da noite e os organizadores consideran que, efectivamente, o público non deixou de moverse con enerxía e de corear durante todo o concerto.

A Banda Xangai ofreceu tamén un espectáculo moi salientable, no que destacaron as referencias por parte de Xurxo Souto a problemáticas relacionadas coa historia e a contorna de Combarro, en relación sobre todo á Illa de Tambo e á praza da Chousa. Cabe destacar que Souto apoio o Armadiña nos seus inicios e mesmo participou na creación do himno do evento sobre a base do 'Highway to hell' dos AC/DC.

Este domingo será o derradeiro día desta décima edición do Armadiña Rock. Ás 13.15 na Praza da Rualeira entregaranse os premios do concurso de balcóns, patíns e solainas deste ano e a partir das 13.30, no mesmo lugar, dará comezo o derradeiro evento da programación: unha sesión vermú coas Voodoo.