Un cómic percorre os vinte anos de Castelao en Pontevedra

Pontevedra
25 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:23

Se presentará o vindeiro mércores 28 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

Cómic 'Castelao en Pontevedra (1916 1936)'
Cómic 'Castelao en Pontevedra (1916 1936)' /

O Museo de Pontevedra convida a mergullarse na vida e na obra dun dos grandes referentes da cultura galega a través da banda deseñada Castelao en Pontevedra (1916-1936), que se presentará o vindeiro mércores 28 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao.

Editado por Almacén de Fábulas para a institución provincial, o cómic leva a sinatura de Miguel Pérez Ramudo, quen tamén participará na presentación para explicar o proceso creativo desta obra de 64 páxinas en tapa dura. Acompañarano a directora do Museo, Ángeles Tilve, e a responsable de Publicacións, Ángela Comesaña.

A obra propón un percorrido biográfico e artístico polos vinte anos nos que Castelao residiu en Pontevedra, estruturado a modo de diario persoal. A través da súa voz interior, o lector é guiado polos momentos clave da súa vida, ao tempo que aparecen figuras fundamentais do galeguismo e da cultura da época como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez ou Alexandre Bóveda. Un coro colectivo que serve para contextualizar a dimensión de Castelao e poñer en valor unha xeración enteira comprometida coa identidade e o patrimonio galegos.

Entre 1916 e 1936, o cómic detense en episodios decisivos da súa biografía, desde a Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918 ata a viaxe por Europa en 1921, a morte do seu fillo en 1928, a publicación do álbum Nós en 1931, o desterro en Badajoz en 1934 ou os intensos acontecementos de 1936, coa súa elección como deputado, a aprobación do Estatuto de Galicia e o estalido da Guerra Civil que marcaría o inicio do seu exilio.

O libro destaca tamén polo seu coidado apartado visual. As viñetas recrean con detalle obras do propio Castelao e apóianse nun amplo fondo documental: fotografías persoais, paisaxes rurais, escenas urbanas, carteis e imaxes da vida cotiá que axudan a reconstruír con fidelidade a atmosfera da época.

Miguel Pérez Ramudo, natural de Cambados, conta cunha traxectoria consolidada na banda deseñada biográfica. En 2020 foi recoñecido co 1º premio Xuventude Crea na categoría de cómic por Joaquín Vaamonde (1871-1900). Unha promesa truncada da Xeración Doente, e é tamén autor de Ricardo Carvalho Calero. Unha biografía en viñetas.

Castelao en Pontevedra (1916-1936) poderá adquirirse tanto en librarías como no propio Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, ofrecendo unha nova e atractiva porta de entrada á figura dun creador esencial da historia de Galicia.