O Museo de Pontevedra acollerá este xoves, 22 de xaneiro, ás 19.00 horas, no Edificio Castelao, a presentación pública do documental Castelao, a revolución gráfica en Galicia. O linoleogravado, dirixido por Xan Leira e realizado co apoio da Deputación de Pontevedra.
O acto contará coa participación do propio director, da directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, e do ensaísta e crítico de arte Carlos L. Bernárdez. A entrada será libre ata completar capacidade.
A nova produción de Xan Leira é un documental de 33 minutos de duración que afonda no proceso histórico polo cal o linóleo se converteu nun dos principais motores da renovación estética e editorial en Galicia durante a década de 1920. A través dunha reconstrución cronolóxica, o filme analiza a introdución e expansión desta técnica gráfica, fundamental para a modernización da linguaxe visual galega.
O documental conta coa achega de especialistas de referencia no ámbito da arte e da historia cultural, entre eles Daniel Buján Núñez, bibliotecario e gravador; Ángeles Tilve Jar; Carlos L. Bernárdez; Xoán Pastor Rodríguez, director do Museo do Gravado de Artes de Ribeira; Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao; e o historiador Ricardo Gurriarán.
A narración arrinca coa estancia de Castelao en diversos países europeos —Francia, Bélxica e Alemaña— no ano 1921, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios para o estudo de técnicas de gravado. Foi en Múnic onde o artista descubriu as posibilidades do linóleo, unha técnica rápida, económica e especialmente adecuada para a ilustración de publicacións de baixo custo, nun contexto cultural e editorial como o galego da época.
Tras o seu regreso a Pontevedra, Castelao transmitiu estes coñecementos tanto ao seu alumnado do Instituto como aos novos artistas e intelectuais da cidade.
Entre os primeiros en empregar o linogravado destacaron Carlos Sobrino, colaborador próximo de Castelao, así como Luis Pintos Fonseca, Manuel Méndez, Xosé Sesto e Ventura de Dios “Turas”, iniciándose así a súa difusión en diversas publicacións.
O filme mostra tamén como este fenómeno se estendeu rapidamente fóra de Pontevedra, incorporando figuras centrais da arte galega moderna como Manuel Torres, Cándido Fernández Mazas, Xaime Prada, Luis Huici e Francisco Miguel. Segundo recolle o documental, o linóleo favoreceu unha estética máis sintética e próxima ás vangardas, afastada da figuración tradicional, e xogou un papel fundamental na renovación gráfica de revistas literarias e artísticas como Alborada (1922), Cristal (1932) ou Spes (1934-1962).