'Con Sentidiño!' Non é o tráiler de Fariña, é o spot do décimo festival Armadiña Rock

Poio
07 de agosto 2018

"O que temos que facer para argallar o festival...". Con esta carta de presentación a asociación ACDeM Armadiña presentou a primeira hora da mañá deste martes o spot co que van promocionar a décima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, que conta coa colaboración da actriz Isabel Risco 

Captura de pantalla do spot 'Con Sentidiño!'
Captura de pantalla do spot 'Con Sentidiño!' / ACDeM Armadiña

"O que temos que facer para argallar o festival...".

Con esta carta de presentación que recorda á exitosa serie Fariña, a asociación ACDeM Armadiña presentou a primeira hora da mañá deste martes o spot co que van promocionar a décima edición do Festival Armadiña Rock Estrella Galicia, que se celebrará entre o 24 e o 26 de agosto en Combarro, en Poio. 

O spot pode verse xa na canle oficial de Youtube do festival e, facendo 'guiños' á exitosa serie de Bambú Produccións e Antena 3, recolle imaxes da veciñanza de Combarro traballando arreo durante a madrugada nunha misteriosa 'descarga' que, a diferencia da serie insperada no libro de Nacho Carretero, non é de ningunha substancia prohibida, senón que moito ten que ver coa edición número dez do evento musical.

Os braceiros, encarnados principalmente por membros da asociación Armadiña, están liderados pola actriz Isabel Risco, colaboración especial da peza, bautizada como 'Con Sentidiño!'.

O vídeo foi elaborado grazas á colaboración dos realizadores José Aragunde e Juan Barcia. A través desta peza audiovisual, a asociación Armadiña busca reivindicar a gran calidade e recoñecemento que está a conseguir o sector audiovisual galego. De feito, a asociación tamén organiza o certame Curtas Armadiña, que celebrará a súa cuarta edición a finais de novembro.

La Pegatina, Amparanoia e as bandas galegas SES e Terbutalina serán as cabezas do cartel deste ano. Polo escenario principal, ubicado na Praza da Chousa, tamén pasarán Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, The Lákazans, Skándalo GZ, A Banda da Loba, Noite Fechada, Dudecan e Voodoo.

A programación completarase con actividades de ámbito familiar, coma un concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais e con pasarrúas, que correrán da man de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e Batucada Os Queimatasas.