Dez anos de Armadiña Rock que poñen a Combarro como "punto de referencia cultural"

Poio
14 de agosto 2018

A décima edición do festival, que se celebrará do 24 ao 26 de agosto na Chousa, reforza a súa aposta e "escríbese con A", cun alto número de artistas femininas e habilitando un punto morado durante os concertos

Preentación do X Armadiña Rock en Combarro
Preentación do X Armadiña Rock en Combarro / PontevedraViva

Naceu como unha iniciativa para dinamizar Combarro e apoiar ao club de fútbol local, e aos poucos converteuse en toda unha referencia.

O Armadiña Rock presentou este martes a que é xa a súa décima edición, consolidado como un dos festivais gratuítos máis importantes de Galicia e cun cartel de altura, con dúas bandas nacionais como grandes atractivos (La Pegatina e Amparanoia) e un bo número de formacións galegas que reforzan a aposta dos organizadores pola difusión do galego.

"Queremos poñer a Combarro como punto de referencia cultural, non só turística", explicou Alfonso Vilanova na presentación do evento, declaránsose orgulloso de que "o Armadiña se escriba con A", xa que este ano "o 70% dous grupos teñen a lo menos unha muller" e apostarase por habilitar un punto morado contra a violencia machista durante as xornadas de concertos.

Como de costume a Praza da Chousa será escenario principal do festival organizado pola Asociación Armadiña, entre os días 24 e 26 de agosto, cunha programación que se completa con actividades para todos os públicos como un concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais, pasarrúas a cargo de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise Orchestra e Batucada Os Queimatasas e un espazo no que presentar proxectos musicais, sociais ou culturais.

En canto aos concertos principais, o venres 24 de agosto actuarán en Combarro os grupos The Lákazans, Sés, La Pegantina e Skándalo GZ, mentres que o sábado 25  sera a quenda de A Banda da Loba, Sonoro Maxín, Amparanoia, Banda Xangai, Terbutalina e Zënzar.

Por último o domingo 26 a sesión vermú protagonizaraa Voodoo, na Praza da Rualeira.

A presentación do Armadiña Rock contou entre outros coa presenza do alcalde de Poio, Luciano  Sobral, e o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal.