En Poio, se non é SI, tamén é NON

Poio
22 de agosto 2018

A Festa do Mar no festival Armadiña Rock contará por primeira vez cun Punto Lila formado por un equipo multidisciplinar coordinado por axentes e promotoras de Igualdade

A concelleira Rosa Fernández presentou o Punto Lila
A concelleira Rosa Fernández presentou o Punto Lila / PontevedraViva

A Festa do Mar no festival Armadiña Rock contará por primeira vez cun Punto Lila formado por un equipo multidisciplinar coordinado por axentes e promotoras de Igualdade.

Ofrecerán información, asesoramento e axuda sobre onde acudir e que facer en caso dunha agresión sexual. Así mesmo a concelleira de Igualdade e Benestar Social de Poio, Rosa Fernández, explicou este mércores en rolda de prensa que a súa intención é facer fincapé na sensibilización para previr as violencias machistas, polo que aproveitarase o espazo do Punto Lila para distribuir información da campaña "Eu decido, ti respectas" da Deputación de Pontevedra.

Baixo o lema "Se non é SI, tamén é NON" traballarase por unhas festas libres de violencia machista. O labor deste punto é a concienciación e sensibilización para transmitir á sociedade no seu conxunto que o mundo é capaz de acabar con esta lacra.

As persoas interesadas poderán atopar información nestes puntos coma folletos, así coma, se fose necesario, todos os servizos dispostos para denunciar un caso de agresión sexual, humillacións, acoso, vexacións machistas ou ben recibir atención psicolóxica e xurídica.

O Punto Lila pódese definir como o lugar onde se atende, escoita, médiase e informa a todas as persoas que alí se achegan.

Esta inciativa da Concellería de Igualdade conta cos servizos da Asociación de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA) e a colaboración da Policía Local de Poio e a Deputación de Pontevedra.

O Punto Lila estará situado na Praza da Chousa durante os días 24 e 25 de agosto nun horario de 12 da noite a 4 da mañá. O punto informativo estará en constante comunicación coa Policía Local. Ademáis dos teléfonos de urxencia habituais coma o 112 ou o 016 (específico para casos de violencia machista) dispúxose o teléfono 604 050 557 que estará operativo as 24 horas do día.