Conta atrás para a estrea de Cabos Soltos nos bares de Pontevedra

Pontevedra
10 de decembro 2021

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, reuniuse este xoves cos doce primeiros hostaleiros en inscribirse nun programa que ofrecerá as súas primeiras actuacións culturais nun prazo máximo de quince días

Representantes da hostelería de Pontevedra que participan no programa Cabos Soltos
Representantes da hostelería de Pontevedra que participan no programa Cabos Soltos / Mónica Patxot

"A idea é comezar canto antes. Se pode ser a semana que vén, ben. Senón a seguinte". É a principal conclusión á que se chegou este xoves tras a reunión mantida entre a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e unha ducia de hostaleiros da cidade, os primeiros en inscribirse no programa Cabos Soltos.

Esta iniciativa do goberno local ten como obxectivo dinamizar a vida cultural de Pontevedra e, de paso, impulsar a economía do sector hostaleiro e artístico da Boa Vila a través da programación de concertos, recitais de poesía, exposicións ou representacións teatrais que terán lugar nos bares da capital e cuxos gastos serán asumidos polo Concello.

Á sala de xuntas do concello acudiu unha ducia de emprensarios da hostalería para coñecer de primeira man como se desenvolverá o programa. E aínda quedan outros tantos que serán chamados nos próximos días. Alí, Gulías explicoulles en que consiste o evento para pedirlles logo data, lugar e tipo de actuación que desexan programar nos seus locais. 

"Agora teñen que mandarnos por correo a súa proposta e nós estudaremos todas para ver cales son as necesidades e programar as actuacións", explicou a concelleira do BNG.

Ademais, este tipo de actuacións poden realizarse tanto no interior dos locais como en espazos públicos e xa adiantou que varios locais da Praza do Teucro, Cervexaría O Bruc e La Pomada, traballan en conxunto para organizar unha das primeiras actuacións musicais desta edición de Cabos Soltos, que está incluída no Plan Supera 21 de axuda á hostalería para superar a crise económica derivada da pandemia da covid-19.