Cabos Soltos suma medio cento de actividades desde a súa reactivación en novembro

Pontevedra
27 de febreiro 2022

Unha vintena de establecementos sumáronse dende novembro á marca creada polo Concello de Pontevedra para darlle cobertura legal aos locais e fomentar a cultura e o ocio con concertos, recitais ou exposicións

Concerto de Niños Mutantes en Sala Karma incluído na iniciativa Cabos Soltos
Concerto de Niños Mutantes en Sala Karma incluído na iniciativa Cabos Soltos / PontevedraViva - Arquivo

Desde a súa reactivación o pasado mes de novembro, o proxecto Cabos Soltos puxo da súa parte para ir recuperando a normalidade na programación de actividades culturais no municipio.

Baixo esta marca o Concello de Pontevedra pretende dar amparo legal aos establecementos da cidade á hora de programar concertos, mostras, exposicións ou recitais, entre outras opcións.

Durante estes meses foron unha vintena os locais que pasaron a formar parte da rede impulsada polo departamento de Promoción Económica. Trátase de bares, cafeterías ou pubs que grazas a Cabos Soltos pensan en organizar algún tipo de actividade, xa sexa contando cunha programación fixa ou de maneira esporádica.

O departamento municipal dirixido por Anabel Gulías deu cobertura desde o citado mes de novembro de medio cento de eventos culturais e de lecer dentro deste proxecto.

Ademais da súa achega cultural, para Gulías a reactivación ten tamén un impacto económico ao darlle a posibilidade aos locais de atraer novo público ata os seus negocios. "Sabemos que algúns destes eventos enchen os aforos dos establecementos, permiten socializar, volven poñer sobre a mesa esa idea de normalidade que tanto botamos de menos e que, aos poucos, e sempre con prudencia, semella que estamos acadando", defende a responsable municipal.

A edil anima tamén "a todos os locais a que se unan a esta iniciativa e pasen a formar parte do tecido cultural e de programación da cidade, lembrándolles que é un proceso de balde e sen custo nese sentido".