Conta atrás para o Atlantic Fest, que presume de ter "personalidade propia" no circuíto de festivais

O Salnés
10 de xullo 2024

A organización do Atlantic Fest traballa a todo ritmo para que nada falle na súa próxima edición, que se celebrará na praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, os días 19, 20 e 21 de xullo

Presentación do Atlantic Fest 2024
Presentación do Atlantic Fest 2024 / Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

A organización do Atlantic Fest traballa a todo ritmo para que nada falle na súa próxima edición, que se celebrará na praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, os días 19, 20 e 21 de xullo.

Será cunha oferta musical que arrancará o venres 19 cos artistas Carlos Ares, The Parrots, Alcalá Norte, Rocío Saiz, Gazella e Grande Osso.

Para o sábado 20, día central do festival, están previstas as actuacións de Los Planetas, Crystal Fighters, Sílvia Pérez Cruz, Carlos Sadness, Derby Motoreta's Burrito Kachimba, Depedro, Cariño, Luis Fercán, Florent y Yo e Dani Dicostas

O domingo, pola súa banda, actuarán Mika, Sidonie, Elefantes, Andrés Suárez, Las Dianas, Grande Osso e Rocío Saiz, segundo detallaron os organizadores.

Na presentación do Atlantic Fest 2024, organizada este mércores no Pazo da Golpelleira, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou que este festival é unha cita "diversificada e con personalidade propia" que incrementa o atractivo turístico de Galicia.

"Eventos como o Atlantic Fest supoñen moito máis que tres días de concertos", engadiu o presidente da Deputación, Luis López, que celebrou que o festival estea totalmente consolidado "como un dos atractivos turísticos máis potentes", algo que considera que "é motivo de orgullo".

O Atlantic Fest logrou acumular o pasado ano 30.000 asistentes, 300 postos de traballo creados de forma directa e máis de 100 empresas involucradas na organización e realización do festival.