Convócanse as primeiras residencias artísticas no Náutico de San Vicente

Pontevedra
05 de setembro 2022

Trátase dun programa financiado pola Deputación de Pontevedra no que seis artistas seleccionados realizarán a súa residencia artística de quince días, entre o 28 de outubro e o 11 de novembro de 2022, no Náutico de San Vicente (O Grove)

I Programa de Residencias Artísticas
I Programa de Residencias Artísticas

Este luns 5 de setembro ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a primeira edición do Programa de Residencias Artísticas que convoca a Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de setembro.

De entre todas as candidaturas presentadas farase unha selección de artistas que se beneficiarán de 6 axudas para a creación contemporánea en vivo de 2.500 euros cada unha para a adquisición de materiais, correndo o organismo provincial cos gastos da estadía.

Os seis artistas seleccionados realizarán a súa residencia artística de quince días, entre o 28 de outubro e o 11 de novembro de 2022, no Náutico de San Vicente (O Grove). Será unha creación con formato de portas abertas e, ao finalizar, haberá un acto de presentación ao público dos resultados.

Durante este tempo recibirán a visita de profesionais do sector, cos que poderán conversar sobre os seus proxectos.

As bolsas financiarán proxectos vinculados ao territorio e con atención á sostibilidade, a igualdade e a inclusión. Tamén se valorará que o proxecto sexa presentado por un artista nado na provincia.

Poderán participar nesta convocatoria as persoas físicas artistas profesionais, dadas de alta no réxime de autónomos correspondente, das modalidades de pintura, escultura, fotografía, ilustración, instalación, arte sonora, audiovisual, moda ou deseño que teñan 18 anos na data de presentación da solicitude.

As bases reguladoras desta convocatoria están publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 2/09/2022.