Coque Malla, Álvaro de Luna, Nil Moliner e Andrés Suárez, entre os primeiros confirmados para o Río Verbena Fest

Pontevedra
03 de marzo 2025
Actualizado: 13:41

A eles súmanse artistas da talla de Carlos Sadness, bandas que forman parte da historia da música española como Pignoise e Efecto Pasillo ou YSY A, expoñente do trap e rap arxentino

Coque Malla, Álvaro de Luna, Nil Moliner e Andrés Suárez
Coque Malla, Álvaro de Luna, Nil Moliner e Andrés Suárez / PontevedraViva

Apenas tres días despois de anunciar as datas para a súa cuarta edición, os días 22 e 23 de agosto, o Río Verbena Fest desvelou os primeiros nomes das bandas e artistas que volverán tomar a chaira exterior do Recinto Feiral de Pontevedra.

Coque Malla, en plena xira de celebración do seu corenta anos sobre o escenario, Álvaro de Luna, Nil Moliner ou Andrés Suárez, que ofrecerá en Pontevedra o seu único concerto do ano en Galicia, encabezan estas primeiras confirmacións.

A eles súmanse artistas da talla de Carlos Sadness, que presentará en directo o seu último disco; ou bandas que forman parte da historia da música española como Pignoise e Efecto Pasillo.

YSY A, un dos primeiros expoñentes do trap e rap arxentino, será outro dos grandes atractivos desta edición, sumando unha proposta internacional que non deixará indiferente aos asistentes.

O festival tamén apostará polos talentos emerxentes, mantendo o seu compromiso coas raíces locais e nacionais.

YSY A
YSY APontevedraViva

Así, actuarán no Río Verbena Fest Malmö 040, unha banda de pop alternativo cun son ecléctico e melodías modernas, xunto coa viguesa Carla Lourdes e o coruñés Taïn, que representan o mellor das novas propostas con gran proxección a nivel nacional.

Todos estes artistas non serán os únicos que participarán na cuarta edición do festival, xa que haberá máis anuncios e confirmacións nas próximas semanas.

Os abonos sairán á venda este mércores 5 de marzo a partir das 13:00 horas a través da web oficial do festival (rioverbena.com), a partir de 49 euros.

O Río Verbena Fest regresa así a Pontevedra para celebrar a súa cuarta edición, tras consolidarse como un dos festivais de referencia en Galicia. En 2024, esgotou todas as entradas e reuniu a máis de 19.000 asistentes.