Unha figura do aventureiro Corto Maltés, imaxe icónica da novela gráfica creada polo italiano Hugo Pratt, erguíase este martes na Praza da Leña ao igual que no cartel da nova edición de BDra Gráfica 2025, como carta de presentación dun evento cultural que volverá xuntar na cidade, nesta ocasión entre o 20 e o 25 de maio, a creadores destacados da banda deseñada.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; o director do festival e da escola O Garaxe Hermético, Kiko da Silva; e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, deron a coñecer os principais detalles desta cita, acompañados por estudantes da escola pontevedresa O Garaxe Hermético.
O cartel desta edición, obra de Rubén Pellejero, actual debuxante de Corto Maltés, protagoniza a imaxe do festival. "Corto Maltés é un dos libros de banda deseñada máis importantes do século XX e XXI, é a figura do cómic europeo e arxentino", destacou Kiko da Silva, quen engadiu que "por primeira vez, Corto Maltés chega a Galiza e chega á Praza da Leña de Pontevedra".
O festival contará coa presenza de autores e autoras de recoñecido prestixio internacional. Entre os convidados destacan Ana Oncina, autora de 'Croqueta y empanadilla', que publicou a través de Edicións La Cúpula xerando unha pequena revolución no sector. Recentemente, coa súa obra 'Just Friends' (2021), unha incursión no manga, gañou o premio de Prata na 17ª edición dos Manga Awards de Xapón.
Tamén acudirán outros creadores de alto nivel: Jaime Martín, Premio do Cómic de Barcelona; Javier Rodríguez, un dos autores españois con maior proxección internacional que traballa para Marvel e DC Comics; Javi Rey, cunha das voces máis interesantes do panorama actual; e Alicia Jaraba, quen impartirá a masterclass deste ano no Teatro Principal.
Tamén participará Paula Mayor, gañadora do premio Castelao de banda deseñada, e Teresa Valero, que presentará a súa obra "Contrapaso 2" fóra das datas do festival, o 30 de maio, cunha proxección previa dun filme sobre a relación entre o cómic e o cinema.
Ademais, estarán presentes 12 autores galegos: Angie Roa, Miguel Rojo, Sarai Lorenzo, Tiago Delgado, Lucía Cid, Fonso Barreiro (Fon), Andrés Castro, Alexandre Senande, Damián Gómez, Alba Míguez, Uxía Larrosa e Luís Yang.
O festival distribuirase por varios espazos da cidade. A praza da Ferrería será o epicentro, acollendo as casetas de librarías e editoriais, presentacións e sinaturas de exemplares.

Ademais, haberá tres exposicións principais: unha de orixinais dos últimos libros de Corto Maltés na Fundación Moldes; outra de Teresa Valero no espazo Nemonón; e unha terceira con 40 orixinais da colección privada de Jaume Vaquer, que fai un percorrido pola historia da banda deseñada mundial, que se presentará na Casa Consistorial na Praza de España.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, destacou a complexidade da organización deste evento e a importancia de "manter o nivel que xa lle demos á banda deseñada o ano pasado", agradecendo ao Garaxe Hermético o seu esforzo para adaptar as datas para non coincidir co Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte.
Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, subliñou que este festival "vai ser un festival de banda deseñada internacional, no sentido de que van pasar aquí figuras consagradas do cómic", e animou á cidadanía a acercarse aos diferentes espazos do evento para participar en todas as actividades.