A Festa do Mar de Combarro prepárase para vivir unha das súas edicións máis ambiciosas no plano musical. O Concello de Poio confirmou a incorporación de dous artistas de proxección internacional ao cartel: o cantautor arxentino Coti e a cantante Natalia, que compartirán escenario o sábado 30 de agosto a partir das 22:30 horas na Praza da Chousa.
Esta dobre actuación, de entrada gratuíta, enmárcase na programación dunha festa que se desenvolverá entre o 28 e o 31 de agosto, e que xa contaba coa confirmación previa dun dos grupos máis destacados do panorama indie español, Miss Caffeina, que actuará o venres 29.
A presenza de Coti supón un fito importante para o festival, xa que o músico arxentino inclúe Poio como unha das paradas na súa actual xira europea, que o levará tamén por importantes cidades como Londres, Dublín e Ámsterdam.
O autor de éxitos como "Antes de ver el sol", "Nada fue un error" ou "Otra vez" ofrecerá un directo no que repasará os temas máis destacados da súa dilatada carreira.
Xunto a el, os asistentes poderán gozar do talento de Natalia, unha das voces máis recoñecibles da música pop en España desde que saltara á fama no programa Operación Triunfo.
A artista acumula unha sólida traxectoria avalada por cinco discos, dous discos de ouro, un de platino e máis de medio millón de copias vendidas. Durante a súa actuación soarán hits como "Vas a volverme loca", "Besa mi piel" ou "Loco por mí", temas que forman parte do imaxinario musical de varias xeracións.
O día anterior, o venres 29, a Praza da Chousa acollerá o concerto de Miss Caffeina, un dos grupos máis destacados do panorama indie español.
A banda madrileña, que regresa aos escenarios tras un breve parón, escolleu Poio como un dos puntos destacados da súa nova etapa, na que presentarán os seus recentes singles "Debería estar brillando" e "Argumento de mierda", avances do seu próximo álbum "Buenasuerte", previsto para outubro.