As creacións de escolas de cinema, protagonistas no FICBUEU

Bueu
12 de agosto 2025
Actualizado: 16:36

O FICBUEU continúa así coa súa liña de traballo de ter un espazo no festival para a totalidade da etapa educativa, dende infantil ata a universidade.

Unha das sesións do FICBueu
Unha das sesións do FICBueu / FICBueu

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, presentou este martes a programación que protagoniza o estudantado de escolas audiovisuais ou de cinema.

Trátase das seccións "Escolas de cinema galegas" e "Escolas de cinema internacionais".

Ambas as dúas son de carácter competitivo e creadas coa intención de xerar unha sinerxía coa comunidade educativa e o público do futuro.

Os directores e directoras que exhibirán as súas obras en "Escolas de cinema galegas" serán Agustín Segura Prado, Mara Varela, Pablo Goirigolzarri, Xoán Vázquez e Aira Portos, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela; e Miguel R. Berride, da Universidade de Vigo.

Pola súa banda, na sección "Escolas de cinema internacionais" poderanse ver as obras, todas sen estrear en Galicia, de Carolina Cruz (Alemaña / Chile), Agne Girsaite (Lituania), Yohann Abdelnour (Líbano), Amie Song (Estados Unidos), Mansi Maheshwari (Reino Unido) e Mariona Martínez (España). 

O festival fai públicas tamén as pezas que formarán parte da sección "Centros de ensino", sendo finalistas o CEIP Xesús Golmar, o CEIP Torre de Hércules o CEIP da Torre-Cela, o IES de Chapela o IES de Arzúa e o IES Ramón Cabanillas. 

O FICBUEU continúa así coa súa liña de traballo de ter un espazo no festival para a totalidade da etapa educativa, dende infantil ata a universidade.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBUEU que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC)  e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).