O Café Moderno Afundación de Pontevedra amosa desde este mércores a exposición "Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)", unha mostra que conmemora o 75 aniversario da editorial galega e que se poderá visitar ata o sábado 11 de outubro.
Esta mostra forma parte dunha itinerancia que percorre Galicia ao longo de 2025, visitando as sete grandes cidades galegas. O proxecto está comisariado por un equipo de prestixio dirixido por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega e catedrático da USC, acompañado pola profesora María Dolores Villanueva Gesteira e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva Fernández.
A exposición destaca o labor de figuras como Castelao, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Xohana Torres, Carlos Casares, Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Paula Carballeira, Domingo Villar, Xesús Fraga ou Marilar Aleixandre, entre outros. Tamén rende homenaxe aos editores Carlos Casares e Víctor F. Freixanes, así como aos fundadores Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego.
"Crear porvir" articúlase en catro seccións que abarcan desde a literatura e os seus creadores, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio, ata o ensaio e o pensamento galegos, con especial atención a proxectos de referencia como a revista Grial.
A mostra tamén aborda a tradución e a proxección internacional do galego como lingua de recepción e creación universal, así como a literatura infantil e xuvenil, ámbito no que Galaxia foi pioneira con coleccións específicas para o público máis novo.
O deseño expositivo, a cargo do estudo Desoños, propón un bosque de estruturas móbiles que sinalan de xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria de 75 anos. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo cos fitos máis salientables da editorial.
A exposición inclúe ademais unha peza audiovisual dirixida por Ana Viqueira e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vencelladas á Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.
Ao longo da súa historia, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega.
A editorial recibiu galardóns como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en reconecemento á súa contribución á identidade galega e á modernización cultural.
A exposición continuará a súa itinerancia na Coruña entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, para rematar a súa xira en Vigo entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade olívica.
A inauguración contou coa presenza dos comisarios da exposición Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, xunto con representantes das principais institucións culturais da provincia. Asistiron ao acto María Teresa Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación; Isabel Couselo Torres, delegada Territorial de Cultura da Xunta; Jorge Cubela, deputado provincial de Cultura; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra; e Antón Vidal, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia.

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"

"Crear porvir. Editorial Galaxia (1950-2025)"