O Culturgal, a feira de referencia da cultura galega, celebrarase no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra os días 28, 29 e 30 de novembro con cifras e programación sen precedentes.
Nun acto presentado este xoves no Pazo da Cultura, representantes das principais institucións galegas e o sector cultural destacaron o carácter expansivo e renovador desta edición, que aglutina máis de 20 entidades e colectivos colaboradores, arredor de 750 artistas e creadores, 100 expositores e 225 actividades.
Víctor López, presidente do Culturgal, subliñou a entrada de novas asociacións colaboradoras e a ambición do proxecto: "Será a edición máis grande e ambiciosa. Un evento onde se estrean espectáculos e proxectos que verán a luz en 2026, e que serve de plataforma".
O programa multidisciplinar inclúe as principais novidades en música, audiovisual, literatura, artes escénicas, cómic, videoxogos, artes plásticas e actividades profesionais, ao tempo que reforza a descentralización con actividades noutros concellos, nesta edición, espallándose a Ribeira.
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación, reivindicou o impulso institicional á cultura, "coa recuperación da Bienal e eventos que dan vida e transmiten a esencia galega", resaltando a responsabilidade compartida das administracións públicas.
Valentín García, secretario xeral da Lingua na Xunta, considerou o Culturgal "moito máis que un lugar de compra e venda", senón "unha cita do mundo cultural galego, con potencial para establecer Galicia como potencia no libro, música e audiovisual". Avanzou que a Xunta presentará novidades sobre cantareiras, iniciativas do Ano Xacobeo 2027 e actividades para mostrar a forza creativa do país.
Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura en Pontevedra, salientou a ledicia do Concello por acoller por décimo oitavo ano consecutivo a feira: "Motivo de orgullo recibir a tantos creadores galegos e renovar a aposta cun programa estendido". O obxectivo, dixo, é que "a cultura galega siga viva e avance".
Natividad González, deputada de Cultura da Coruña, apostou por unha cultura "máis accesible e descentralizada, celebrando propostas fóra da capital", con stand propio e proxectos centrados no Ano Castelao e na banda deseñada.
Jacobo Sutil, director do Agadic, destacou a colaboración público-privada e a presenza institucional en máis de 200 actividades. Resaltou concertos, exposicións, a presentación da serie "Pensión Incompleta" e o adianto da nova montaxe do CDG "Hamlet", dirixida por Cándido Pazó, "nun magnífico momento da industria cultural galega".

A CULTURA É ÚTIL
Na presentación dun avance do programa, o director do Culturgal, Camilo Franco, reflexionou sobre o obxectivo do evento: "Cando parece que todo o mundo está en contra de alguén, a cultura é o sitio para estar de acordo, disentir sen discutir e explicar que hai cousas divertidas e útiles. Queremos demostrar que a cultura é entretida e útil".
Repasando a programación, destacou catro días de música, xa que a programación vai iniciarse xa o xoves 27 cun concerto de benvida a cargo de Uxía, que presentará o seu novo álbum: "Será por flores".
Haberá un concerto con Faia Díaz, Felisa Segade e A Pedreira, referentes femininos da música galega; un concerto de Óscar Ibáñez no Teatro Principal; o regreso de Magín Blanco á música para adultos e eventos de baile galego abertos á participación cidadá na xornada final, como "Bailar País" guiado por Artur Puga coa intervención de Fran Sieira.
No audiovisual, Camilo Franco avanzou a proxección de seis filmes (entre eles, "Romería"), sección de curtametraxes, encontro con guionistas (programa "Contando películas") e actividades para achegar estudantes ao sector audiovisual.
O apartado literario contará cunha colaboración de nomes como Suso de Toro, Manolo Rivas, Carlos Labraña ou Cobas, a lectura de textos de Begoña Caamaño con acompañamento musical e unha festa de clubs de lectura, "para potenciar a creación de lectores por riba do soporte".
En artes escénicas, salientou os adiantos de compañías como Talía Teatro, Chévere ou Bengala Teatro, microteatro do FIOT de Carballo e o festival de escolas de teatro infantil, que busca "fomentar o futuro dos actores e actrices galegos".
O sábado 29 á noite, destaca un gran espectáculo de humor galego titulado "Moito conto" con Touriñán, David Amor, Neixe, Marita Martínez, Patricia Castillo e Lucía Veiga.

En cómic, haberá exhibicións en pantalla da creación de debuxos e unha exposición sobre os premios Castelao, xunto a encontros con autores recoñecidos.
A programación inclúe tamén unha mostra de videoxogos galegos, entrega de premios e dez expositores no Espazo Arte con artistas como Virxilio Bernárdez, Diego Santomé, Luisa Álvarez ou Perozo.
O Culturgal TV, novidade deste ano, ofrecerá tres horas de emisión en directo a través da plataforma da CRTVG, con entrevistas, resumo das actividades e obxectivo de rexistrar e visibilizar a clase media cultural galega. "Faltan medios que dean cobertura ao día a día da cultura", recoñeceu Camilo Franco.
A Escola de Imaxe e Son da Coruña repite colaboración facendo accesible o cartaz, para que as persoas interesadas poidan protagonizar fotografías sentados libremente, e achegando imaxes da historia da fotografía ao Culturgal. Desta maneira, o cartel deste ano, ideado por Olalla Sendón con diversas estudantes, acompañará actividades participativas arredor do emblemático sofá de Culturgal.
As entradas xa están á venda: 3 euros (xornada), 7 euros (bono familiar dun día) e 12 euros (abono completo).
Esta edición contará cun orzamento de 320.000 euros coa achega, nesta ocasión, de 30.000 euros do Goberno Central, ademais do resto de administracións locais, autonómicas e entidades privadas.
