A Feira das Culturas Galegas, Culturgal, pecha cun sorriso a súa edición de 2025 no Recinto Feiral de Pontevedra.
Avanza a organización do festival que 16.100 espectadores pasaron polo evento ao longo das súas tres xornadas segundo as súas primeiras estimacións.
"As cifras de asistencia avalan a forte aposta pola programación deste ano, máis ampla e de maior calidade en todas as disciplinas da cultura", afirma o director do Culturgal, Camilo Franco.
Vivíronse momentos de gran afluencia como a tarde do sábado, cando todos os escenarios e espazos habilitados no Pazo da Cultura estaban cheos para asistir a concertos, adiantos teatrais, a loita de debuxantes ou circo galego.
Considera ademais o Culturgal que se conseguiu atraer a novos públicos "cunha oferta diversificada e iniciativas como o Teatriño e os espazos para a banda deseñada, o cine e a arte contemporánea, o circo ou o videoxogo galego", asegura Franco.

Un balance máis que satisfactorio e que queren mellorar con novas propostas de cara á súa próxima edición.
A este respecto o director da Feira das Culturas Galegas avanza que en 2026 "queremos levar o Culturgal por outros espazos da cidade durante o mes de novembro, sobre todo aos espazos que non teñen acceso habitualmente aos espectáculos culturais".
Entre as citas destacadas, máis de 500 persoas asistiron ao espectáculo 'Moito Conto' da noite do sábado, e este domingo foi protagonista unha proposta infantil como 'Bibopalula. O espectáculo', así como a homenaxe a Begoña Caamaño nas voces de Ana Romaní, A Pedreira e Mónica Caamaño. Tamén se consolidou o Ven e Baila, unha iniciativa coa que se reivindica o baile e a danza e que contou cun espectáculo de Fran Sieira (Un baile ceibe) con baile da man de Artur Puga.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.