Curtas Armadiña 2017 arranca o luns 13 coa súa edición máis completa e innovadora

Poio
10 de novembro 2017

A programación completa do Curtas Armadiña 2017 foi presentada este venres en rolda de prensa polos responsables de Cultura da Deputación e do Concello de Poio, Xosé Leal e Lidia Salgueiro, respectivamente, acompañados polos representantes da Asociación Cultural Armadiña, Tamara Andrés, Adrián González e Chuco Briones

Cartaz do Curtas Armadiña 2017
Cartaz do Curtas Armadiña 2017

Curtas Armadiña 2017 arrinca o próximo luns 13 de novembro coa súa edición máis completa e innovadora á que concurren unha trintena de traballos audiovisuais.  A programación completa do Curtas Armadiña 2017 foi presentada este venres en rolda de prensa polos responsables de Cultura da Deputación e do Concello de Poio, Xosé Leal e Lidia Salgueiro, respectivamente, acompañados polos representantes da Asociación Cultural Armadiña, Tamara Andrés, Adrián González e Chuco Briones.

Alén das seccións oficial, medioambiental, animación, do premio ao mellor videoclip en galego dos dous últimos anos, de diversos coloquios e proxeccións, o festival de cinema poiense ofrece este ano diversos obradoiros gratuitos destinados a todos os públicos nos que se poderán adquirir ferramentas para mergullarse en distintas vertentes do sector audiovisual.

O primeiro obradoiro terá lugar o luns 13 de novembro. Nel, o director e guionista Vicente Pedreira introducirá aos asistentes no proceso de creación dun guión e dirección dun filme. No segundo, que se impartirá o martes 14, Diego Abalde será o encargado de achegar ferramentas para crear boas fotografías e tamén exporá a importancia da figura do director de fotografía. O mércores 15 de novembro, o público terá a oportunidade de coñecer máis de preto o proceso de montaxe dun filme da man dos dous condutores dos obradoiros do luns e do martes. Estes tres obradoiros terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa (Raxó), en horario de 19:00 a 21:00 horas.

O último obradoiro estará destinado ao público infantil e desenvolverase en tres sesións consecutivas dunha hora o sábado 18 en horario de 10:30 a 13:30. Nel, a rapazada daralle vida á plastilina coa finalidade de que a produtora Illa Bufarda edite despois unha curta experimental.

SECCIÓN MEDIOAMBIENTAL

Unha das novidade desta edición do Curtas Armadiña é a sección medioambiental que inclúe a filmes que mostran o seu compromiso co medio natural. O xurado que determinará o gañador do premio está formado por catro organizacións: ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), APDR (Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra), Amigos da Terra e Greenpeace e unha representante da Comisión Medioambiental da ACDeM Armadiña.

As películas seleccionadas para esta sección do festival son: El hombre de agua dulce, Madrid Zero, Cuando Lucas encontró a Eva, Chiripajas, Paxaro escuro, Sub Terrae e Basura. A proxección das curtametraxes desta sección realizarase o xoves 16 ás 21:00 no Casal de Ferreirós.

VIDEOCLIPS

O certame audiovisual inclúe unha sección de videoclips para "visibilizar a calidade da industria musical en lingua galega" e promocionar o videoclip como "unha peza audiovisual que cómpre valorizar".

O traballo gañador será elexido polo Xurado Novo que está formado por rapaces do IES de Poio de 15 a 17 anos que o curso pasado realizaron o documental Co devalar no marco do programa Cinema en curs.

NEREA BARRO RECIBIRÁ O PREMIO MÁIS ESPECIAL

O Curtas Armadiña decidiu outorgarlle o galardón a Nerea Barros, cuxo traballo en diversos proxectos audiovisuais entenden que debe ser destacado. 

O premio será entregado co resto dos galardóns do certame o domingo 19 na gala de clausura.