Juan de Castro, Pilar Varela, María Roja, Laura Doval e Pablo Cacheda, xurado do Festival Curtas Armadiña

Poio
15 de setembro 2018

Os cinco integrantes do xurado escollerán a mellor curtametraxe da Sección Oficial e da Sección de Animación da cuarta edición deste certame cinematográfico, que se celebrará do 12 ao 18 de novembro en Poio

Xurado do Festival de Curtas Armadiña 2018
Xurado do Festival de Curtas Armadiña 2018 / Festival de Curtas Armadiña

O 18 de novembro coñeceranse as curtametraxes gañadoras da edición deste ano do Festival Curtas Armadiña, que se celebra en Poio. Antes, o xurado terá un duro traballo de análise e deliberación para escoller a mellor película da Sección Oficial e da Sección de Animación da cuarta edición deste certame, que se desenvolverá entre os días 12 e 18 de novembro no municipio de Poio.

A organización ofreceu este venres o nome dos compoñentes do xurado coa presenza de Pablo Cacheda, Laura Doval, María Roja, Juan de Castro e Pilar Varela, representante da entidade organizadora.

Cacheda conta cunha ampla traxectoria traballando en produtoras de diversas series e programas. Ademais é director de catro curtas e da coñecida webserie 'Clases de lo Social', ademais do musical 'Superpunky'. Laura Doval, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, é socia da produtora Gaitafilmes e traballou como produtora executiva e xefa de counicación na longametraxe ' Dhogs', gañadora de 13 premios Mestre Mateo.

A actriz María Roja é performer e artista visual licenciada en Belas Artes. Entre outros traballos destaca a súa interpretación na obra teatral 'O Tolleito de Inishmaan' co que obtivo o Premio María Casares á Mellor actriz secundaria.

Pola súa banda, Juan de Castro é produtor de proxectos culturais, presidente de Reecanto Producións coa que dirixiu o Festival Primavera do Cinema en Vigo e o Galician Freaky Filme Festival. A quinta compoñente do xurado será Pilar Varela, representante de ACDeM Armadiña.

A esta edición presentáronse 900 pezas audiovisuais, procedentes de España e Portugal. Nesta ocasión terase unha especial atención á integración das persoas con discapacidade intelectual.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora