Paco Plaza, o "mestre do fantástico" que recibirá unha homenaxe en Curtas Festival do Imaxinario

O Salnés
06 de setembro 2025

O director será homenaxeado pola súa traxectoria e a súa enorme achega ao xénero. Será un recoñecemento para un cineasta que marcou a toda unha xeración de amantes do cine de terror

Paco Plaza recibirá o premio "Mestre do Fantástico"

Paco Plaza, un dos grandes nomes do cine fantástico e de terror en España, visitará Vilagarcía para recibir o Premio Honorífico Mestre do Fantástico na 53ª edición do Curtas Festival do Imaxinario.

Plaza, coñecido por títulos como [Rec], Verónica, Quien a hierro mata ou Hermana Muerte, será homenaxeado pola súa traxectoria e a súa enorme achega ao xénero.

Un recoñecemento para un cineasta que marcou a toda unha xeración de amantes do terror.

A súa carreira comezou no mundo da curtametraxe, con pezas como Tropismos (1995), Abuelitos (1999) e Puzzles (2001). En 2002 deu o salto á longametraxe con El segundo nombre, película que lle valeu o prestixioso Premio Mèliès de Prata no Festival de Sitges.

En 2004 sorprendeu ao público con Romasanta: la caza de la bestia, unha historia ambientada na Galicia do século XIX, baseada no caso real do mítico "lobishome" galego, Manuel Blanco Romasanta.

Pero a súa gran explosión internacional chegou en 2007, cando codirixiu xunto a Jaume Balagueró a primeira entrega de [Rec], todo un fenómeno do terror moderno. Desde entón, non deixou de sumar títulos de peso a súa filmografía, como La Abuela ou Hermana Muerte.

O seu traballo máis recente forma parte de V/H/S/ Halloween, a nova entrega da popular antoloxía de terror, que se estreará en Estados Unidos o próximo 3 de outubro.

A 53ª edición de Curtas Festival do Imaxinario celebrarase en Vilagarcía de Arousa do 24 de outubro ao 2 de novembro.