O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, presenta este mércores a programación da súa Sección Oficial.
"Unha heteroxénea escolma de 28 filmes con marcado carácter autoral", segundo o seu codirector, Manuel Pena.
Cómpre destacar que dentro das curtametraxes que conforman a Sección Oficial desta edición, tres son de cineastas galegos: ABELLÓN, de Fon Cortizo; HIPPOCAMPUS, de Xaime Miranda; e PATIOS DE LUZ, de Fran Rodríguez, posicionándose as tres como o mellor cine en formato curto do último ano a nivel internacional.
O conxunto de miradas que integran esta selección reflicten moitas das problemáticas máis latentes na sociedade actual, presentando unha diversa panorámica tanto no xeográfico como nos protagonistas de cada unha delas.
Trátase dunha selección dos filmes máis destacados do ano dos que 5 se poderán ver por primeira vez en España, 14 por primeira vez en Galicia.
Tanto María Ruiz-Falcó como Manuel Pena, programadores da sección e directores do evento, manifestan un incremento notable na presenza de filmes iberoamericanos.
Falcó destaca tamén "a marcada presencia da animación, o documental e unha maior representación da comedia".
Os filmes que se poderán ver por primeira vez en Galicia serán: 2006, de Gabriella Choueifaty (Francia, Líbano); EN HJÄLTES DÖD, de Karin Franz Körlof (Suecia); ESTE NO ES TIEMPO PARA CARNAVAL, de Tadeo Pestaña Caro e Kevin Havas (Arxentina); ROSE, de Annika Mayer (Alemaña); O, de Rúnar Rúnarsson (Islandia, Suecia); THE CAR THAT CAME BACK FROM THE SEA, de Jadwiga Kowalska (Suíza); HELLO STRANGER, de Amélie Hardy (Canadá); THE EGGREGORES’ THEORY, de Andrea Gatopoulos (Italia); AMARELA, de André Hayato Saito (Brasil); DOMINGO FAMILIAR, de Gerardo Del Razo (México); FURIA, de Fran Moreno Blanco e Santi Pujol Amat (España); BAD FOR A MOMENT, de Daniel Soares (Portugal); 400 CASSETTES, de Thelyia Petraki (Grecia, Alemaña) e EL BANNER, de Tomás Terzano (Arxentina, España).
Algúns dos temas principais que abordan estas pezas son a precariedade laboral, a invisibilidade da violencia doméstica no ámbito familiar, a identidade ou a inmigración.
Pola súa banda, as estreas españolas serán: HOUSEWARMING, de Liam White (Reino Unido); MOON LAKE, de Jeannie Sui Wonders (Estados Unidos); 1 HIJO & 1 PADRE, de Andrés RamÍrez Pulido (Colombia, Francia); LINNUD LÄINUD, de Anu-Laura Tuttelberg (Estonia, Lituania); e HIMMEL WIE SEIDE. VOLLER ORANGEN, de Betina Kuntzsch (Alemaña).
O FICBUEU, como medida de presión ante o xenocidio en Gaza e por segundo ano consecutivo, decidiu deixar fóra do proceso de selección ás curtas israelitas financiadas polo goberno de Israel.