O Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa, o decano dos certames audiovisuais en Galicia, premiará agora o talento emerxente.
Será a través do concurso 'Curtas Mutantes', unha iniciativa pioneira deseñada para transformar un guión novel nunha obra cinematográfica de primeiro nivel.
O certame servirá de ponte para que un guionista/director novel viva a súa primeira experiencia de rodaxe nunha contorna industrial real, contando en todo momento co respaldo técnico e loxístico dunha produtora consolidada e o aval dun festival internacional.
O gañador estará acompañado durante todo o proceso por dous dos nomes máis relevantes do fantástico e o thriller en España. Os dous titores serán Alberto Marini (Mientras duermes, El desconocido, La unidad) e Miguel Ángel Vivas (Secuestrados, Extinction, La casa de papel).
Alberto Marini asesorará o gañador para perfeccionar a narrativa e estrutura do guión antes da rodaxe e Miguel Ángel Vivas ofrecerá a súa visión experta e asesoramento sobre a dirección e a posta en escena.
A eles súmanse Gero Costas (Producciones Mutantes) na supervisión técnica de postprodución e Luis M. Rosales (director de Curtas) na estratexia de distribución.
A rodaxe, prevista para este verán en Vilagarcía de Arousa, realizarase con equipos de cámara, iluminación e son de primeiro nivel proporcionados pola organización.
O proceso de selección contará cunha primeira fase realizada polo equipo de Curtas para determinar 10 guións finalistas e un xurado de expertos composto polo produtor e director Raúl Cerezo (Viejos), o crítico e guionista Javier Trigales (El Semblante) e a directora Olga Osorio (¡Salta!) para elixir o proxecto gañador.
O premio inclúe o deseño do póster oficial por parte do equipo creativo do Festival e, grazas á colaboración de Festhome, un pase anual da plataforma.
O broche de ouro chegará coa estrea oficial da curtametraxe durante a 54ª edición de Curtas Festival do Imaxinario, onde a obra compartirá pantalla coas mellores producións internacionais do ano.
Os guións, de temática fantástica e duración máxima de 5 minutos, poden enviarse ata o 30 de abril de 2026 a través da plataforma Festhome, dentro do apartado Curtas Mutantes.
O proxecto gañador anunciarase o 15 de maio.