Da cálida voz de Janiva Magness á trepidante batería de Terri Lyne Carrington

Pontevedra
17 de xullo 2015

A cantante de blues e soul deixou mostra do seu talento no concerto ofrecido na noite deste xoves na praza da Ferrería. Esta noite, ás 22.30 horas, subirá ao mesmo escenario unha das mellores baterías do jazz mundial

Concerto de Janiva Magness no Festival Internacional de Jazz e Blues
Concerto de Janiva Magness no Festival Internacional de Jazz e Blues / Diego Torrado

A praza da Ferrería encheuse para gozar da inconfundible voz da cantante de Detroit, Janiva Magness, que regresaba ao Festival Internacional de Jazz e Blues sete anos despois da súa última actuación. A cantante volveu entusiasmar ao público coa súa elegancia e o seu poder sobre o escenario.

Janiva Magness deixa paso a outra actuación que interesará a todos os afeccionados ao jazz porque na noite deste venres 17, ás 22.30 horas, Terri Lyne Carrington sentará tras a batería do escenario da Ferrería para ofrecer toda a súa versatilidade artística. Esta muller é unha das máis destacadas especialistas neste instrumento no universo do jazz pero declárase amante doutros estilos como o reggae, o funk e mesmo o heavy metal.

O seu último álbum, 'Money Jungle: Provocative in blue' editado en 2013, obtivo un Grammy, o primeiro que se entrega a unha muller na categoría de mellor disco de jazz instrumental.