A narradora Raquel Queizás iniciou este xoves unha nova edición de "Dámoslle volta ao conto! Contos pola igualdade", unha iniciativa impulsada pola Concellería de Igualdade de Pontevedra que percorrerá 14 centros educativos da cidade ata o 2 de xuño.
O programa, que xa comezou nos CEIP A Xunqueira 1 e A Xunqueira 2, busca desmontar roles e estereotipos sexistas a través de contos tradicionais de diferentes culturas, historias de vida, obxectos e monicreques. As sesións están especialmente deseñadas para nenas e nenos desde os 3 anos.
Durante as representacións, Queizás transmite historias que recolle da tradición oral e experiencias vitais como as da súa avoa, quen con só 14 anos xa tiña que dedicarse ao estraperlo cruzando a fronteira con Portugal, un exemplo das moitas mulleres valentes e revolucionarias que inspiraron o seu traballo.
O calendario de actuacións continuará este venres 23 no CEIP Santo André de Xeve e na EEI de Verducido.
Na semana seguinte, o luns 26, a narradora visitará os CEIP de Cabanas e Marcón; o martes 27, chegará ao CEIP Vilaverde de Mourente e ao Daría González García; o mércores 28, actuará no Froebel e no CPR San José; o venres 30 de maio, estará na EEI Fina Casalderrey e no CEIP Praza de Barcelos; e rematará o percorrido o luns 2 de xuño, nos CEIP de Lérez e Campañó.
A edición do ano pasado desta iniciativa conseguiu chegar a máis de 800 escolares de entre 3 e 9 anos, cifra que se espera igualar ou superar nesta nova edición.
O espectáculo, dirixido e interpretado por Raquel Queizás, ten unha duración de cincuenta minutos.
Esta acción educativa está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.
Forma parte das estratexias da área dirixida pola concelleira Anabel Gulías para promover a igualdade e previr as violencias machistas desde as primeiras etapas da educación.
