Pontevedra retoma a elaboración do plan de igualdade do persoal municipal

Pontevedra
07 de novembro 2024
Actualizado: 23:12

O estudo realizado hai tres anos, explicou Eva Vilaverde, amosaba unha diagnose "bastante positiva", especialmente en materia de salarios onde "están incluso por encima as mulleres"

Funcionarios municipais no edificio de Michelena 30
Funcionarios municipais no edificio de Michelena 30 / Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra decidiu retomar a elaboración do plan de igualdade para o seu persoal, paralizado no seu día, entre outras cuestións, pola falta de acordo coa parte social, é dicir, cos representantes sindicais dos traballadores e traballadoras.

Así, a Xunta de Goberno aprobou a contratación dunha asistencia técnica que permita poñer en marcha este plan. Custará case 54.000 euros e suporá un traballo de dous anos.

O primeiro paso será realizar unha diagnose da situación actual que actualice a realizada no ano 2021. "Era o procedente a estas alturas", subliñou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, para contar cunha radiografía adaptada á realidade.

O estudo realizado hai tres anos, explicou Vilaverde, amosaba unha diagnose "bastante positiva", especialmente en materia de salarios onde "están incluso por encima as mulleres".

A presenza feminina tamén é notable nos altos cargos, segundo esta análise.

Aínda así, detectaron que había outros servizos masculinizados como o caso de bombeiros ou da policía, e outros moi feminizados como benestar social e todos os relativos aos coidados.

"É un reflexo da sociedade actual", apuntou a responsable da área municipal de persoal.

O Concello agarda que, desta volta, si poida haber consenso na mesa de negociación, despois de que moitas das propostas que se achegaron no seu día se engadiran ao borrados deste plan.