Danza e un concerto de Abraham Cupeiro, a oferta de Híbridas en Santa Clara para a fin de semana

Pontevedra
15 de abril 2022

Tras o éxito dos concertos de Camerata Arven e Catro Cores a principios de semana, o programa Híbridas en Santa Clara ten preparada unha nova oferta cultural para os próximos días

Abraham Cupeiro
Abraham Cupeiro / Warner Classic

Tras o éxito dos concertos de Camerata Arven e Catro Cores a principios de semana, o programa Híbridas en Santa Clara ten preparada unha nova oferta cultural para os próximos días.

A danza estrearase nesta programación este sábado 16 de abril, a partir das 20.00 horas, coa compañía de danza contemporánea Kirenia Danza, que porá en escea Primeiro a vida!.

É unha peza que é un eloxio aos coidados xa que todas as persoas son vulnerables e poden precisar coidar e ser coidadas. Kirenia Danza é partidaria da intervención en temas e cuestións que van máis aló dos clásicos da danza como os retos emerxentes da sociedade actual.

O domingo 17 de abril, ás 13.30 horas, retornará á igrexa de Santa Clara o ciclo Sons no Retablo que pretende recordar o lugar que foi escenario das músicas de coros, agrupacións de música sacra e outros sons propios do pasado.

Nesta ocasión será coa interpretación de Abraham Cupeiro que recuperará “Os sons esquecidos”. 

Abraham Cupeiro é un artista que se caracteriza pola recuperación de instrumentos perdidos no tempo para empregalos para crear novas sonoridades e usalos en músicas alleas a eles.

A entrada para todas as actividades será de balde ata chegar ao límite do aforo. É dicir, non será precisa ningunha reserva para ningunha das actuacións.