Danza, música e teatro experimental mestúranse en "Malasombra", a nova cita con Domingos do Principal

Pontevedra
16 de xaneiro 2015

Domingos do Principal continúa coa súa andaina. Farao este domingo 18 de xaneiro coa representación da obra Malasombra. Trátase dun espectáculo da compañía balear Au Ments Dansa-Teatre que, como vén sendo habitual, se poderá ver no Teatro Principal en sesión dobre, ás doce da mañá e ás seis e media da tarde

Unha das esceas de "Malasombra", o espectáculo de Au Ments Dansa-Teatre
Unha das esceas de "Malasombra", o espectáculo de Au Ments Dansa-Teatre

Tras a exitosa estrea da pasada fin de semana, Domingos do Principal continúa coa súa andaina. Farao este domingo 18 de xaneiro coa representación da obra Malasombra. Trátase dun espectáculo da compañía balear Au Ments Dansa-Teatre que, como vén sendo habitual, se poderá ver no Teatro Principal en sesión dobre, ás doce da mañá e ás seis e media da tarde.

Malasombra é un conto inspirada en A marabillosa historia de Peter Schlemihl de Adelbert von Chamisso, unha novela romántica onde a sombra é asimilada á alma ou ao dobre de si mesmo. Pero que acontecería se esa sombra fose roubada?

Este espectáculo, que inclúe danza contemporánea, videocreación, música en directo e teatro de obxectos e sombras experimentais, ten unha duración aproximada de 50 minutos e está recomendado para nenos a partir de sete anos.

Foi galardoado con catro Premios Escénica 2011 e, un ano despois, foi nomeado aos prestigios premios MAX como mellor revelación.

As entradas para as dúas sesións pódense adquirir a través de www.servinova.com. En caso de non se esgotar poñeranse á venda, dúas horas antes de cada representación, no despacho do Teatro Principal. Teñen un prezo único de catro euros.