A axenda cultural de Vilagarcía de Arousa presenta diferentes propostas de actividades para a segunda quincena de abril.
A Fundación Plácido Castro presentará o mércores 23 no Auditorio "Brincadeiras poéticas", unha obra que recompila poemas íntimos do intelectual ilustrados por artistas do Salnés e doutros puntos de Galicia.
O Cine Club Ádega proxectará o xoves 24 no Salón García o drama "Salve María", de Mar Coll.
O venres 25 o Auditorio acollerá dúas funcións do evento coral educativo Cantarousa, ás 17:30 e ás 19:00 horas.
O virtuoso pianista italiano Federico Colli ofrecerá o sábado 26 un recital que percorrerá composicións desde o Barroco ata a música española e francesa do século XX, pechando así a novena tempada da Sociedade Filarmónica de Vilagarcía.
O punto final porao a celebración do Día Internacional da Danza, o martes 29, cunha dobre cita: Inquedanza Dance Studio realizará unha exhibición na Praza de Galicia ás 19:00 horas.
Nesa mesma xornada, ás 19:30 horas, inaugurarase no Auditorio municipal o ciclo "Muller e Cultura 2025" cun espectáculo a cargo de catro escolas de danza locais.