O auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa acollerá este sábado 12 de abril unha función da obra de teatro, música e danza 'Sofá'.
A función corre a cargo da compañía 'Marta Alonso Tejada' e xira sobre unha crise de parella.
O humor é unha parte fundamental deste espectáculo, protagonizado por Marta e Pablo, !unha parella que se coñeceu bailando e que xa non ten tempo para facelo porque traballan moito", segundo explican dende a produtora.
Subidos a un sofá, "que é o lugar onde se reencontran as familias ao final do día", e intercalando teatro, danza, circo e a música en directo, veremos como os protagonistas tratan de solucionar a crise pola que están a pasar.
A función comeza ás 20:00 horas e está recomendada para maiores de 18 anos.
As entradas xa están á venta a través de Ataquilla.com. O prezo xeral é de 5 euros, que baixarán ata os 3 para desempregados, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove.
De non esgotarse, tamén se porán á venda na billeteira do auditorio a partir do propio día da función ás 18:00 horas.
Está programada dentro das actividades teatrais do primeiro semestre do ano promovidas polo Concello de Vilagarcía, e dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración co AGADIC.