'Reconversión', a obra de Ibuprofeno Teatro sobre a crise industrial, chega a Vilagarcía

O Salnés
19 de febreiro 2025
Actualizado: 11:13

Trátase dun espectáculo escrito e dirixido por Santiago Cortegoso sobre as vivencias do seu pai, antigo traballador de Ascón. A función será este sábado ás 20:00 horas e a entrada custa 5 euros

Reconversion, de Ibuprofeno Teatro
Reconversion, de Ibuprofeno Teatro / Diego Seixo - Ibuprofeno Teatro

Chega a Vilagarcía a nova obra da compañía Ibuprofeno Teatro, 'Reconversión', unha peza que fala da crise industrial na ría de Vigo que levou ao peche de moitos estaleiros, deixando sen traballo a miles de persoas.

Enmárcase dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O espectáculo será este sábado no Auditorio Municipal a partir das 20:00 horas, con entrada a cinco euros (tres euros para desempregados, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove).

Santiago Cortegoso é o autor e director deste espectáculo de gran formato, "unha viaxe dende a posguerra ata o 'felipismo' dos 80, pasando polo auxe da industria siderúrxica e a evolución dende un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista", tal e como explican dende a propia compañía. 

A obra céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro Ascón durante trinta anos. Esta figura sintetiza as vivencias de toda unha xeración, que sufriu o paro polo peche da factoría en 1984 e viviu as mobilizacións históricas que tiveron lugar nos anos 70 e 80.

O espectáculo conta con oito actores-músicos que forman unha charanga coa que interpretan a banda sonora en directo.

TEMPORADA DE TEATRO

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (AGADIC) ten programada unha intensa axenda de actuacións para esta primavera en Vilagarcía.

O 29 de marzo a compañía Elefante Elegante presenta 'Kyoki', un espectáculo infantil que trata o tema da memoria, da vellez, da demencia e da dura tarefa que é coidar ás persoas maiores.

Unhas semanas máis tarde, o 12 de abril presentarase a sitcom 'Sofá' de Marta Alonso e Pablo Reboleiro. Unha proposta de danza pouco convencional que fala da crise que atravesa unha parella, mesturando música, circo e teatro.

O 2 de maio será o turno da compañía Sarabela Teatro, que presenta a súa obra 'O dragón de ouro' sobre a vida nun edificio "dalgún lugar de Europa", onde un inmigrante sen papeis sofre por non poder ir ao médico; unha moza enfróntase á súa parella por non querer ter fillos e un ancián quere retroceder no tempo.