O Museo de Pontevedra convértese, a partir deste venres 19 de decembro, nunha fiestra ao pasado visual da cidade coa inauguración da exposición "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX".
A mostra, que abrirá as súas portas ás 19:00 horas no Edificio Castelao, propón unha viaxe rigorosa e fascinante a través da construción da memoria fotográfica pontevedresa entre os anos 1843 e 1900.
A exposición, froito dun exhaustivo traballo de investigación do propio Museo, presenta arredor de 300 fotografías, a maioría delas orixinais do século XIX, acompañadas de máis dun cento de obxectos e mobiliario da época.
Este conxunto permite comprobar a evolución da arte e o oficio fotográfico, dende os primeiros daguerrotipos ata a irrupción da revista ilustrada, pasando pola popularización da "carte de visite" e a crónica urbana.
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, fixo un chamamento á cidadanía durante a presentación: "se ti es de Pontevedra tes que vir ver esta exposición porque vas coñecer unha vertente diferente da nosa cidade, tanto arquitectónica como social".
Pola súa banda, Ángeles Tilve Jar, directora do Museo, salientou o compromiso da institución coa investigación: "moi poucas veces na miña carreira vou estar máis orgullosa ou máis contenta de que se fixera unha exposición. Non só porque o fixeron dúas compañeiras senón porque eu sempre defendo que o Museo non é só un lugar de exhibición e que detrás de todos os proxectos ten que haber un enorme traballo de investigación. E se algo define un traballo de investigación enorme, pioneiro, é esta exposición".
Tilve engadiu que "o Museo foi pioneiro en darlle importancia á fotografía, non só como elemento documental senón como creación artística en si" e destacou notablemente o traballo das comisarias Cristina Echave e Reis Camiña para poñer en marcha esta exposición.
PERCORRIDO
A mostra dedica especial atención a dous eixes fundamentais da fotografía decimonónica: o retrato e a paisaxe urbana.
Nos seus comezos, a fotografía asumiu o cambio xeneracional dos pintores miniaturistas, democratizando o acceso da sociedade aos seus propios retratos.
Poderanse contemplar exemplos dos procesos máis antigos como daguerrotipos, ambrotipos, talbotipos, panotipos e ferrotipos.
Entre as pezas máis valiosas destacan rarezas de pioneiros galegos como o único retrato coñecido feito en Pontevedra de Andrés Cisneros e a única fotografía de autoría de Manuel Ricaud, nunca antes exhibidas.
A popularización da "carte de visite" na década de 1870 propiciou a chegada de máis fotógrafos á cidade, moitos deles pintores-fotógrafos que combinaban ambas dedicacións.
Nomes como Patricio Bocconi, Francisco Prieto, Juan Caramés e, especialmente, Francisco Zagala, están representados na exposición.
Un apartado de gran interese é o dedicado ás primeiras mulleres fotógrafas, como Marta Rodríguez, viúva de Bocconi e Generosa Carballo, da que se exhiben as dúas únicas fotos coñecidas da súa autoría.
A comisaria Reis Camiña Castro destacou sobre Carballo: "é a primeira nacida en Pontevedra. A primeira muller fotógrafa".
Un dos espazos máis sorprendentes é a recreación dun estudo fotográfico da época, que inclúe pezas orixinais de Francisco Zagala, como a súa cámara.
A exposición tamén aborda a fotografía post mortem, unha práctica común no século XIX para preservar a memoria dos seres queridos falecidos, especialmente nenos.
A CIDADE RETRATADA
Outra sección crucial da exposición céntrase na fotografía urbana. Aquí atopamos a imaxe fotográfica máis antiga coñecida de Pontevedra, unha vista da praza de Tetuán realizada arredor de 1859.
Francisco Zagala sobresae neste eido coa súa serie "Pontevedra Artística y Pintoresca" e o seu álbum "Recuerdo de Pontevedra" (1883), que contribuíron a forxar a imaxe turística da cidade e documentaron as súas transformacións.
A mostra complétase con obras doutros fotógrafos, afeccionados e viaxeiros como o francés Hubert Vaffier.
A fotografía tamén atopou o seu espazo na ciencia e no estudo do patrimonio. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra empregouna para documentar monumentos e achados, mentres que profesionais médicos como os doutores Cobián Areal e Celestino Poza a incorporaron como ferramenta de observación e diagnóstico.
As últimas décadas do século XIX viron ademais a irrupción da prensa ilustrada local, coa figura de Enrique Labarta como pioneiro en Galicia na inclusión de imaxes con fins informativos e publicitarios.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
A exposición "Debuxar coa luz" estará aberta ata o 5 de abril de 2026 e contará cun programa de actividades complementarias.
A partir do 15 de xaneiro, o equipo de Educación do Museo ofrecerá visitas guiadas todos os xoves ás 18:00 horas.
Durante o período de vacacións de Nadal, desenvolveranse obradoiros infantís para explorar a creatividade a partir da estética do século XIX.
En febreiro e marzo, haberá un obradoiro de colaxes animadas mediante a técnica do "stop motion", dirixido a público a partir de 8 anos.
Finalmente, en marzo celebrarase unha xornada técnica sobre arquivos gráficos e museos, con conferencias sobre a adquisición, conservación e difusión de arquivos fotográficos.