Un debuxo que Castelao fixo en 1940, recén chegado a Arxentina, incorpórase ao Museo

Pontevedra
21 de marzo 2026
Actualizado: 13:54

'O día que saímos da nosa patria' foi adquirido a un coleccionista privado xunto á ilustración 'Paisaxes pontevedresas e flores' de Carmen Babiano Méndez-Núñez por un prezo conxunto de 6.000 euros

'O día que saímos da nosa patria', o debuxo de Castelao adquirido polo Museo
'O día que saímos da nosa patria', o debuxo de Castelao adquirido polo Museo / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra incorporou á súa colección permanente un debuxo que Castelao realizou aos poucos días de chegar a Bos Aires, no ano 1940.

Trátase dunha peza titulada 'O día que saímos da nosa patria', que estaba nas mans dun coleccionista privado, segundo explica a directora do museo, Ángeles Tillve.

"É un exemplo moi interesante da produción do artista no exilio, sendo moi simbólico do mesmo o lema co que titulou a obra", detalla Tilve, que entende que estas características dánlle un valor singular a este debuxo de Castelao. 

O debuxo atópase nun aceptable estado de conservación, aínda que vai requirir unha intervención do equipo de restauración da entidade.

O papel ten algunhas zonas deterioradas nos seus bordes.

Unha vez estea restaurado, incorporarase á exposición permanente do Museo de Pontevedra, nas salas dedicadas ao autor no edificio que leva o seu nome.

O Museo de Pontevedra mercouno, por un prezo conxunto de 6.000 euros, canda outra ilustración, 'Paisaxes pontevedresas e flores', do que é autora a pintora galega Carmen Babiano Méndez-Núñez, referente do movemento realista de finais do século XIX.

Ela foi, segundo a directora do museo, "unha das poucas mulleres en Galicia que no século XIX puido desenvolver, durante algún tempo, unha certa carreira artística".

Nesta obra, reproduce unha vista da capela do Pazo do Real (O Con-Moaña), propiedade familiar onde estivo enterrado Casto Méndez Núñez entre 1869 e 1887, así como una vista do barrio da Moureira de Pontevedra. 

'Paisaxes pontevedresas e flores”, de Carmen Babiano Méndez-Núñez
'Paisaxes pontevedresas e flores”, de Carmen Babiano Méndez-NúñezMuseo de Pontevedra

O debuxo está situado cronoloxicamente entre 1879 e 1881, pois o estilo e as paisaxes pontevedresas reproducidas presentan unha grande similitude cos que Carmen Babiano publicou na revista La Ilustración Gallega y Asturiana en xuño de 1879.

Polo tipo de composición, "é moi posible que estivese destinada a ser publicada pola autora nalgunha das revista ilustradas da época", asegura a responsable do Museo de Pontevedra.

Neste caso, o estado de conservación da obra é excelente.