A Deputación de Pontevedra presentou unha nova convocatoria de axudas dirixidas a agrupacións musicais e bandas de música da provincia para a adquisición, reparación de instrumentos e vestiario.
O acto estivo encabezado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, e contou coa asistencia de representantes do tecido cultural.
A principal novidade desta edición é o incremento económico, que crece en 100.000 euros respecto ao pasado ano até alcanzar os 300.000 euros. Segundo destacou Cubela, esta liña de axudas responde a unha demanda histórica do sector, que o goberno provincial decidiu atender.
O programa estrutúrase en dúas liñas, unha destinada á adquisición de novos instrumentos ou vestiario, dotada con 250.000 euros, e outra para a reparación, que contará con 50.000 euros. En ambos os casos, cada entidade poderá recibir unha axuda máxima de 3.000 euros, cun financiamento que non superará o 75% do custo total.
As bases da convocatoria publicaranse este xoves no Boletín Oficial da Provincia, abríndose ao día seguinte un prazo de 30 días para a presentación de solicitudes, que finalizará o 22 de xuño.
Cubela subliñou que estas axudas supoñen "un recoñecemento ás agrupacións que manteñen vivas a música, as festas e os bailes tradicionais", destacando o seu papel crave na cohesión social e na dinamización cultural de numerosos concellos e vilas da provincia.
Desde o organismo afirman que a boa acollida desta iniciativa xa quedou patente na pasada edición, na que se beneficiaron 183 entidades de 47 municipios.
Este anuncio súmase a outras iniciativas presentadas recentemente, como a nova edición do circuíto provincial +Escénicas que consolida a aposta da Deputación polo impulso cultural e o apoio aos colectivos.
"Convidamos a todos os potenciais beneficiarios a solicitar estas axudas para que as agrupacións musicais sigan ao pé do canón moitos anos máis", concluíu Cubela.