O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publica este venres as bases da convocatoria da quinta edición dos premios Mulleres no Foco.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia deste evento convocado conxuntamente coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) para poñer en valor o traballo das mulleres no audiovisual galego.
Mulleres no foco entregará de novo tres premios de 5.000 euros cada un, para "mulleres profesionais da industria en recoñecemento á súa traxectoria, o seu talento emerxente ou o seu rol de pioneiras que abriron camiño no sector".
Ao igual que en edicións anteriores, ábrese un período dun mes a partir do luns para a presentación de candidaturas.
Nesta ocasión quedarían excluídas desta convocatoria as mulleres recoñecidas en edicións anteriores, isto é: Lidia Fraga, Nati Juncal e Jaione Camborda, en 2024; Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, en 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, en 2022; e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, en 2021.
Os premios entregaranse nun acto público "que será unha gran festa do audiovisual galego e do talento feminino que hai tanto diante como detrás das cámaras, nos equipos ao completo en postos de interpretación, dirección, guión, realización…", sinalou Luis López.
O presidente da Deputación asegurou que "queremos que a realidade supere a ficción e que os soños de igualdade sexan verdade canto antes, así que por iso seguiremos impulsando medidas que garantan que a igualdade sexa real e efectiva".