O Concello de Marín presentou este luns o programa completo da primeira edición de 'Marín, Vila do Libro'.
O festival literario terá lugar entre o 16 e o 18 de maio e conxugará literatura, obradoiros relacionados cos oficios tradicionais do libro, artesanía, música, poesía e diálogo entre autores co fin de converterse nun referente cultural na fin de semana das Letras Galegas.
A programación foi presentada este luns na Biblioteca Pública Vidal Pazos por parte da alcaldesa, María Ramallo, e o director do festival, Enric Bono.
A Alameda, a Igrexa Vella e a Rúa Real acollerán a programación deste evento literario, que promoverá a lectura, a creación literaria, a reflexión crítica e o intercambio de coñecemento.
O evento arranca pola mañá do venres 16 de maio co recital colectivo "Versos que florecen", que encherá a Alameda de poesía e voces novas. Pola tarde, ás 18.00 horas, o grupo Gallos del Norte ofrecerá un concerto e obradoiro de freestyle, unha proposta que mestura música urbana e improvisación para achegar a literatura oral ás novas xeracións.
Ás 19.30 horas terá lugar a inauguración oficial, e media hora máis tarde celebrarase o primeiro dos encontros da serie, 'Os libros da miña vida', unha conversa entre o escritor de éxito Manel Loureiro e o xornalista Ramón Mella, onde compartirán lecturas vitais e experiencias persoais coa literatura.

O sábado 17 de maio comezará cunha dobre proposta ás 12.00 horas cun acto de homenaxe ao tradutor Josep Maria Llompart, con Pilar Arnau e Sebastià Bennasar, e un contacontos infantil con Juan Baquero no espazo da Alameda.
Á mesma hora, na Rúa Real, os asistentes poderán participar no obradoiro 'Fagamos papel!', para aprender a fabricar papel artesanal con Sastres Paperers, colectivo especializado na recuperación de técnicas tradicionais.
Durante todo o día haberá obradoiros de encadernación, recitais poéticos, mesas literarias e concertos. Entre os nomes destacados figuran Fran Fernández, Tamara Andrés, Silvia Penas e Ismael Ramos.
O sábado ás 13.00 horas na Igrexa Vella terá lugar o acto oficial do Día das Letras Galegas, coa entrega do XVIII Premio de Narración Curta do Concello de Marín. E, posteriormente, ás 13.40 horas, na Alameda actuarán das Pandeireteiras As Chaneiras.
Pola noite, a Igrexa Vella acollerá unha conversa especial sobre o legado de Vázquez Montalbán e a súa relación con Galicia e Cataluña, mentres que a Alameda vibrará coas voces tradicionais das cantareiras e o recital poético. O día pechará coa actuación da Coral do Centro Sociocomunitario, nunha homenaxe coral ao poder da voz colectiva.
O domingo, desde as 11.00 horas, a Rúa Real será escenario da Feira do libro usado "Unha dorna de libros, un mar de ilusión", da Asociación de Mulleres Intercambio do Saber, unha proposta aberta que convida á cidadanía a compartir coñecementos, libros, xogos e experiencias de aprendizaxe en comunidade.
Paralelamente, desenvolveranse contacontos, como 'O nobelo de Nenuca' con Irene Alonso Gasalla, un obradoiro de novela criminal con Elena Gallego Abad, que tamén participará nunha mesa redonda sobre este xénero con Irene Rega e Tensi Gesteira, e encontros arredor da ciencia ficción, a narrativa de xénero e a poesía contemporánea.
A programación inclúe tamén unha conversa entre David Gago e Juan Parcero, titulada 'Ciencia ficción: a tracción irresistible', un recital poético con micro aberto, o ciclo 'Os libros da miña vida' con Francisco Castro.
Haberá ademais concertos como o de Fentos e Frouma, o Concerto de Primavera na Granja de Briz coa banda municipal e o grupo Trompos Os Pés e o espectáculo final 'Axúdame a cantar', un emotivo tributo ás pandeireteiras galegas protagonizado por Felisa Segade e Montse Rivera, fundadoras do emblemático grupo Leilía.