"Devolvendo o golpe", o documental sobre o boxeador Aarón 'Thunder' González, chega ás salas este venres

Pontevedra
09 de maio 2022

Catro salas de cinema de Pontevedra proxectarán, a partir deste venres 13 de maio, o documental Devolvendo o golpe, protagonizado pola historia de superación persoal do boxeador marinense Aarón "Thunder" González. Poderá verse en Cinexpo Pontevedra, nos Multicines Gran Arousa de Vilagarcía e no Cine Seixo de Marín

Imaxe do documental "Devolvendo o golpe"
Imaxe do documental "Devolvendo o golpe" / Carlos Prado

Catro salas de cinema de Pontevedra proxectarán, a partir deste venres 13 de maio, o documental Devolvendo o golpe, protagonizado pola historia de superación persoal do boxeador marinense Aarón "Thunder" González.

Devolvendo o golpe poderá verse en Cinexpo Pontevedra, nos Multicines Gran Arousa de Vilagarcía, en Multicines Norte de Vigo e no Cine Seixo de Marín.

O documental, dirixido polo xornalista Carlos Prado, aborda como Aarón superou o grave atropelo que sufriu cando tiña dez anos mentres esperaba ao autobús escolar.

Esta coprotagonizado por Rosa María Diz, a nai do pentacampeón galego de boxeo, unha figura fundamental na vida e na recuperación de Aarón González.

Tras a súa recuperación, "Thunder" González logrou coroarse tres veces como campión de España e é, actualmente, unha das referencias do boxeo olímpico no noso país.

O documental exhibiuse na pasada edición do festival de cinema internacional de Ourense e obtivo o premio do público e do xurado ao mellor documental no Festival Primavera do Cinema de Vigo; e o premio do xurado no Festival de Cinema Inclusivo de Vigo.