A historia de coraxe e superación de Aarón "Thunder" González serve de inspiración aos internos da Lama

Marín
03 de xuño 2022

Na tarde deste xoves, proxectouse no salón de actos do centro o documental Devolvendo o golpe, no que o xornalista Carlos Prado aborda a historia do  pentacampeón galego de boxeo. Ao redor de 100 internos e internas participaron na actividade, que incluíu un coloquio cos  coprotagonistas e o director

Presentación de 'Devolvendo o golpe' no centro penitenciario da Lama
Presentación de 'Devolvendo o golpe' no centro penitenciario da Lama / PontevedraViva

A historia de superación persoal do boxeador marinense Aarón " Thunder" González, que superou o grave atropelo que sufriu cando tiña dez anos mentres esperaba ao autobús escolar e logrou converterse nunha das referencias do boxeo olímpico, chegou esta semana ao centro penal da Lama. 

Na tarde deste xoves, proxectouse no salón de actos do centro o documental Devolvendo o golpe, no que o xornalista Carlos Prado aborda a historia do  pentacampeón galego de boxeo, que logrou coroarse tres veces como campión de España.

Con motivo da proxección, visitaron o centro os dous coprotagonistas do documental, Aarón e a súa nai, Rosa María Diz, así como o director do documental. Despois de  visionarlo, celebrouse un coloquio no que os internos se mostraron moi participativos. 

A proxección chegou a ao redor de 100 internos e internas do módulo feminino, o módulo de respecto Nelson Mandela (13) e o módulo 5, no que se desenvolve o Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental ( PAIEM). 

Tanto o documental como o coloquio posterior tiveron moi boa acollida por parte da poboación recluída, para a que este tipo de historias de coraxe e superación adoita servir de inspiración. 

O documental estreouse o pasado mes de maio nas salas de cinema de  Cinexpo Pontevedra, os Multicines Gran Arousa de Vilagarcía, o Multicines Norte de Vigo e no Cinema Seixo de Marín. 

Devolvendo o golpe exhibiuse na pasada edición do festival de cinema internacional de Ourense e obtivo o premio do público e do xurado ao mellor documental no Festival Primavera  do Cinema de Vigo; e o premio do xurado no Festival de Cinema Inclusivo de Vigo.